Opinión

Todos son iguais (e o oportunismo na política)

Esta frase expresa o noxo dunha parte importante da poboación diante das dificultades que debe enfrontar acotío, ben sexa pola perda do emprego, o secuestro dos seus aforros nas preferentes, a redución de servizos públicos esenciais, ou a baixada de salarios e pensións. Agora ben, unha valoración tan primaria sobre os partidos políticos amosa un feito preocupante: a despolitización dunha gran parte da poboación galega.

Esta frase expresa o noxo dunha parte importante da poboación diante das dificultades que debe enfrontar acotío, ben sexa pola perda do emprego, o secuestro dos seus aforros nas preferentes, a redución de servizos públicos esenciais, ou a baixada de salarios e pensións. Agora ben, unha valoración tan primaria sobre os partidos políticos amosa un feito preocupante: a despolitización dunha gran parte da poboación galega. Isto é o que reflicten as enquisas, coa caracterización de indecisos, e que se pode palpar na rúa nesta campaña electoral. Que a abstención poda atinxir un 40% das persoas con dereito a voto indica a transcendencia do tema. Sobre esta tendencia alentada polas clases dominantes, cando a vontade popular lle é adversa, estase forxando hai meses a estratexia electoral do PP, tamén sobre algúns erros de liña do nacionalismo durante unha década e media. Liña que se rectificou nas últimas asembleas, mais que cómpre interiorizar e afondar, así como facer chegar ao conxunto da sociedade, algo que leva o seu tempo cando os medios de información hexemónicos son os do sistema. En caso de triunfar, a dereita tampouco o terá doado, xa que a situación económica e social vaise agravar coas medidas que están impondo, e o descontente da poboación irá a máis.

Os indecisos e a abstención son tamén unha cuestión esencial para a esquerda (o nacionalismo anticolonial na Galiza), porque sobre este noxo popular pódese construír un cambio sistémico, porén tamén é base para entronizar “salvadores supremos”, mesías e figuras autoritarias. E destas últimas temos moitos exemplos na historia, e sempre deron lugar a réximes ditatoriais ao servizo da alta burguesía, no que o primeiro que se suprimen son as organizacións políticas, os sindicatos e outras forzas sociais. Deberan pensar un pouco máis encol disto aqueles, que dende unha pretendida radicalidade antisistémica, e dado que pola súa debilidade están fóra dos parlamentos, por simplismo fan das institucións nacidas da vontade popular e das organizacións con representación “lugar de corruptos e vividores”. Un discurso que sementa ideas equivocadas por oportunismo, coincidente nos obxectivos cos sectores máis rancios do neoliberalismo (neofascismo), xa que a medio prazo favorecen a regresión política e a “ditadura dos mercados”.


"Os indecisos e a abstención son tamén unha cuestión esencial para a esquerda (o nacionalismo anticolonial na Galiza), porque sobre este noxo popular pódese construír un cambio sistémico"



É verdade que o voto está mediatizado polas clases dominantes e uns medios de información ao seu servizo, porén mesmo así é unha das poucas conquistas democráticas nas que as clases populares teñen voz, e que custou moitos sacrificios conseguir. Como ben sabemos todos aqueles que militamos activamente dende a clandestinidade política contra a ditadura de Franco, e no meu caso ademais previamente na oposición política contra os gobernos militares de Onganía, Levingston e Lanusse na Arxentina. O obxectivo debe ser suprimir os condicionantes, e democratizar realmente a representación nas institucións; por exemplo, como propón o BNG: facendo de Galiza circunscrición única e baixando a porcentaxe mínima ao 3% ou 2% dos votos. Ao que engadiría, que se garanta a todos os partidos, cun mínimo de respaldo electoral, presenza permanente (non só en campaña electoral) nos medios públicos e privados de información, tanto en debates como en entrevistas, para garantir así a pluralidade e que a poboación teña unha versión directa de cada alternativa.


"O obxectivo debe ser suprimir os condicionantes, e democratizar realmente a representación nas institucións"



O que chama a atención deste debate encol das institucións de elección popular é que moitas das persoas que na esquerda (tamén na nacionalista) calaban hai uns anos e todo lles parecía satisfactorio, agora se poñan como tolos vendo que a democracia non funciona de xeito tan plural como pensaban, porque perderon postos e poder. Daquela coma hoxe había unha democracia burguesa, e non deixou de ter validez como un mecanismo limitado de expresión popular. O pobo galego poderá impor os seus intereses nas institucións en función da correlación de forzas, expresada pola mobilización social e a acumulación de forzas organizadas, nos partidos políticos e sindicatos (fundamentalmente).

Neste contexto, algúns pensaron no seu día que un “zapatazo”, que reflectía oportunamente o cabreo popular, valía máis que cen conflitos e manifestacións laborais e sociais, e outros que os medios sistémicos xa daban presenza á esquerda abondo como para non facer da construción de medios de información alternativos unha tarefa esencial. Sobre eses erros de conceito, e outros de liña xa corrixidos nalgún caso con non pouco conflito, traballou a dereita, recuperando espazo para alén do tradicional clientelismo e o integrismo confesional. E neste aspecto coido que é infantil, e amosa a falta de actitude crítica, que algúns opinadores que presumen de progresistas se sumen ao noxo xeral da xente, engadindo confusión con análises que non pasan do táctico, da caracterización do momento, e que non aportan como mínimo o valor dunha praxe política e social. Repítense obxectivos aceptados por todos, sen debullar propostas para superar os atrancos e aumentar a complicidade social, acumular forzas e organizar. Porque, como avanzar, é a cuestión central no nacionalismo galego, e diría que en toda a esquerda do mundo. ¿Proceden de xeito tan irresponsábel porque, pensan que todo o que digan está sacralizado por poñer ben unha palabra detrás doutra?



"O pobo galego poderá impor os seus intereses nas institucións en función da correlación de forzas"


Teño dito en artigos anteriores que para este país é necesario que a etapa Núñez Feijóo non continúe, tanto polas nefastas consecuencias para a nosa identidade nacional como para as condicións de vida do noso pobo. Mais isto non depende en exclusiva da vontade do nacionalismo galego, nen do BNG, dada a correlación de forzas actual. Estas eleccións están moi abertas, como din as enquisas cando se len axeitadamente, dada a alta porcentaxe de indecisos. Porén as clases dominantes teñen hoxe moito poder político, económico, e sobre todo foron quen de inserir na poboación moitos conceitos trabucados, que son consecuencia de décadas de despolitización. O PP decidiu convocar as eleccións no momento que máis lle conviña, mesmo “casualmente” asociando a precampaña a unha acción xudicial moi mediática que enmerdaba todos os partidos con representación parlamentar, mais que tiña unha especial incidencia na oposición, e sobre todo no nacionalismo, sempre con simpatizantes máis sensíbeis a estes temas. Os medios, asemade, empregáronse a fondo sobredimensionando os conflitos internos, as diferenzas e as rupturas, e aínda o seguen facendo.


Xa en anteriores campañas electorais o poder amosou toda a súa artillería, mais neste caso dado o delicado do momento, non está aforrando medios e artimañas. É unha realidade que non se combate con xenreira ou derrotismo. Ademais un novo bipartito ou tripartito, ou calquera outra opción de goberno alternativo sempre será complexa, e en ultima instancia o seu éxito dependerá do peso do nacionalismo anticolonial. En calquera escenario futuro, mesmo no máis positivo, o nacionalismo debe ter fortaleza, coherencia e medios de información (de calidade, reflectindo os problemas e dando voz aos de abaixo). Porén ademais é fundamental ter os cadros e afiliados con mellor formación, para facer deles activistas. E iso só é posíbel dando prioridade ao debate político unido á práctica, reducindo ao mínimo a rutina burocrática e o individualismo, en todos os niveis das organizacións políticas e sociais. Cómpre recuperar nos partidos a célula, porque é o lugar máis acaido para que todos participen do debate sobre a práctica e a teoría (a praxe). O organizativo condiciona a participación e a formación. É necesario que nas organizacións sociais as direccións sexan lugares de caracterización do momento, de análise da práctica e de planificación de tácticas e estratexias. Só onde hai debate a xente se forma para poder participar, a consigna xera rutina e co tempo pasividade, tendo en consideración que estamos inmersos nun contexto no que as ideas hexemónicas son as das clases dominantes.



"É necesario que a etapa Núñez Feijóo non continúe, tanto polas nefastas consecuencias para a nosa identidade nacional como para as condicións de vida do noso pobo"

En relación co anterior, malia que hai moitísimo que facer no tema, coido que nesta campaña o BNG esta dando pasos básicos polo camiño correcto, xa que nos mitins analiza e argumenta máis que nunca na última década. Deste xeito aléntase na militancia uns métodos de traballo axeitados, para alén de ter unhas propostas correctas. Pode que algún partido recolla un puñado de votos do enorme cabreo do pobo mediante acordos oportunistas (mesmo degradando a importancia estratéxica da autoorganización nacional) con modos de proceder propios da pequena burguesía e dunha nova fidalguía que axe de intermediaria do poder, que ademais utiliza o insulto, a descualificación fácil e a amnesia política. Porén para avanzar no estratéxico, para construír un suxeito político colectivo que debe liberar a esta nación, cómpre unha forza sólida e colectiva, capaz gañar a complicidade consciente das clases populares.



"É fundamental ter os cadros e afiliados con mellor formación, para facer deles activistas. E iso só é posíbel dando prioridade ao debate político unido á práctica"


Calquera sexa o resultado destas eleccións para o BNG (que coido que serán bos para seguir avanzando), e dunha renovación de cadros dirixentes e representantes públicos que todo indica darán moito de si, non hai dúbida que quedan debates que saldar internamente e despois socializalos, aínda que a maioría da fronte ten unha postura correcta nestes temas. Por exemplo, o significado do euro e da Unión Europea, e se a alta burguesía española é submisa ou socia de Merkel, algo esencial para unha caracterización axeitada da dependencia e as contradicións de clase na Galiza; superando así unha definición correcta máis moi abstracta sobre como responder con eficacia ás consecuencias da globalización neoliberal. Asemade, sabedor de que isto leva o seu tempo, hai que inserir na práctica cotiá a nivel de base (concellos e organizacións sociais), para alén dos discursos dos dirixentes, a cuestión estratéxica da soberanía nacional e da loita de clases, deixando atrás o practicismo tacticista. Só así se pode politizar o pobo para superar as trampas do sistema, a alienación e a mentira. Só mediante unha organización moi politizada, activa, organizada e achegada ao pobo, é posíbel demostrar acotío que non todos son iguais, e mudar a correlación de forzas. Por último, lembremos que organizacións como o BNG son estratéxicas para a liberación, polo que cómpre pensar a súa eficacia para alén da conxuntura electoral, por máis positiva que esta sexa. 

Manuel Mera