Opinión

Viraxe á esquerda

Os resultados das recentes eleccións en Francia, Grecia, Alemaña, e o Reino Unido, viran á esquerda a correlación de forzas políticas na Unión Europea e, con seguridade, cuestionarán as duras medidas de equilibrio orzamentario, que afogan os dereitos e condicións de vida das clases populares, moi especialmente nos


Os resultados das recentes eleccións en Francia, Grecia, Alemaña, e o Reino Unido, viran á esquerda a correlación de forzas políticas na Unión Europea e, con seguridade, cuestionarán as duras medidas de equilibrio orzamentario, que afogan os dereitos e condicións de vida das clases populares, moi especialmente nos países do sur. O recuar da dereita, sobre todo en Francia e Grecia, debería facilitar a expansión do crédito, outorgando medios para que o sector público actúe como contrapeso ao retroceso da actividade privada, permitindo unha recuperación económica e a xeración de emprego (hoxe hipotecadas ao pago da débeda financeira). Este foi o guión que predicou Hollande en Francia, así como o centro do discurso de Syriza en Grecia. Agora ben, terán que vencer resistencias importantes e ademais, sexamos claros, este tipo de reformas teñen límites próximos, xa que non atacan a fondo as eivas e atrancos que impiden un desenvolvemento sustentábel e xusto na Unión Europea.

 
Non é casual, nen totalmente demagóxico, que dende a dereita se afirme que poucos cambios vai poder realizar a socialdemocracia porque a marxe é moi limitada. E teñen en parte razón, máxime cando as mudanzas que se propoñen non rachan coa globalización neoliberal, que preme cun círculo de ferro, o da ditadura dos mercados, calquera mudanza económica e social. Lembremos que os mercados non son máis que os grandes capitalistas e altos executivos ao seu servizo, xogando ao casino coa economía real, o emprego e as condicións de vida da xente, co único obxectivo de optimizar os beneficios polo capital investido. E tampouco esquezamos que a base institucional, de normas e regulamentos da UE, son funcionais a estes mesmos grupos económicos en moita maior medida que en calquera dos estados que a integran. En poucas palabras, que non se trata só de vencer as resistencias do Goberno alemán ou dos países escandinavos, senón que a Comisión Europea, e os organismos anexos e a burocracia da que se dotou, son funcionais a esta matriz ao servizo das clases dominantes.

 
Mais, neste contexto histórico, non só debemos ter en consideración o carácter da estrutura político-institucional da UE, senón tamén novos e importantes condicionantes que non se poden obviar, calquera sexa a ideoloxía que se defenda. O mundo está por vez primeira fronte a límites certos, tanto no aspecto ecolóxico, como no enerxético e no relativo a certos recursos minerais, que condicionan a expansión demográfica, o consumismo e o modelo de desenvolvemento. Para que sexa sustentábel a mellora do nivel de vida da xente é necesario aforro enerxético e a xeración con medios alternativos, economías autocentradas e un gran avance cultural. E isto só é posíbel cando existe unha distribución xusta do traballo e da riqueza, respecto polos dereitos colectivos e individuais (soberanía nacional, democracia real). Ou sexa, o camiño inverso ao que está percorrendo agora a Unión Europea.

Feitas estas aclaracións, calquera pode ollar os límites dos cambios que se produciron nestes procesos electorais, malia que a pretensión popular foi deixar atrás a globalización neoliberal e os seus representantes nas institucións. Ningún dos partidos máis votados, como alternativa aos que gobernaban, cuestiona os alicerces da Unión Europea, nen o capitalismo, para alén dalgunhas reformas que permitan facelo inclusivo para certas franxas das clases populares. O problema destas propostas, en principio positivas, é que teñen moi pouca marxe de manobra, por non dicir ningunha, nun escenario no que se potenciou tanto a globalización neoliberal, se non se cortan os seus tentáculos en todos os lugares onde sexa posíbel. Por exemplo, nacionalizando o sistema financeiro, a enerxía, as comunicacións, os servizos e prestacións públicas esenciais, etc. Dándolle maior protagonismo ás clases populares, ampliando os dereitos laborais e sociais, saíndo da OTAN para contribuír a desmontar o crecente militarismo e a inestabilidade mundial.


Ningún dos partidos que acadaron representación nestas eleccións en Francia e Grecia, impulsando un xiro á esquerda (agás o KKE en Grecia), enmarca as súas propostas dentro dun modelo económico e social distinto. Só fan propostas de rectificación do capitalismo na súa etapa senil (como o cualifica Samir Amin). Isto é indicativo de que non racharon os amarres coas clases dominantes e que, no mellor dos casos, pretenden un equilibrio que neste momento histórico resulta pouco doado de acadar, por non dicir totalmente imposíbel, non só pola correlación de forzas, senón pola crecente militarización da economía, que ademais consegue na especulación, e mesmo na delincuencia, as maiores taxas de beneficio.

 
Aleka Papariga, secretaria xeral do Partido Comunista de Grecia (KKE) valora do seguinte xeito o acontecido no seu país “entramos nunha fase de transición, onde se intentará crear un novo escenario político con novas formacións, novas figuras do centro dereita ou baseadas nunha nova forza da socialdemocracia que terá a Syriza como núcleo, destinada a impedir a crecente radicalización popular que leve as cousas deica unha verdadeira mudanza a prol do pobo”. Semellan apreciacións esquemáticas ou resistencialistas, mais a precipitación por formar goberno e o limitado das propostas de Syriza, non permite albiscar máis futuro que a estreita vía que hoxe ofrece o sistema.

O tempo despexará as incertezas, permitindo saber até onde chega este cambio e se é abondo para que mellore a economía e a situación social, ou só consegue un pequeno respiro transitorio. Asemade, cal é a oposición das clases dominantes. E finalmente, algo moi importante, xa que transcende a conxuntura, se esta viraxe contribúe a unha maior organización e avance da conciencia política das clases subalternas. En todo caso, non deixa de ser un paso adiante, tanto para Francia e Grecia como para o conxunto dos pobos da Unión Europea. Mais, repito, aproveitaríase mal esta conxuntura se non se ten en consideración os límites destas políticas, e das organizacións que as sustentan, e se non se dispón dunha estratexia axeitada para superalas.

Comentarios