Opinión

Ao Dépor cáeselle a careta

Pódese dicir, a conta dos resultados, que ó Dépor aínda non o abandonou a sorte.

Pódese dicir, a conta dos resultados, que ó Dépor aínda non o abandonou a sorte. E deses minutos finais nos que os de Vázquez adoitan sacar rendibilidade, esta semana as fadas boas estaban nos resultados dos rivais directos que sabían xa da picada dos deportivistas. Así que sorte, toda, si, porque os branco e azuis seguen en postos de ascenso directo.

O cadro coruñés segue con problemas. Non gusta o que fai, pero disimula mellor os defectos cando gaña. Desta volta non puido ser e cando iso sucede afloran as sensacións negativas por ribas das positivas. Curiosamente, o Dépor desta segunda volta marca máis tantos a favor nos mesmos partidos de volta comparados cos da ida, pero tamén encaixa moito máis, o dobre. Aínda que os puntos acadados polo Dépor son idénticos ós da volta, trece, hai cousas que cambian. O cadro dirixido por Vázquez era máis sólido ó principio que agora que a Liga vai cara o final do campionato. Iso é o preocupante. O Dépor nos primeiros 8 encontro só encaixou en 4 encontros. Nesta segunda volta dos 8 partidos recibiu goles en 7. Case todos!!! A seguridade defensiva ademáis facíase notar porque só penetraron a porta coruñesa en 4 ocasións nestes 8 partidos. Agora, perforaron a rede herculina 9 veces!!! O golaverage da ida era de +3. Na volta o golaverage é inferior, +1.

o Dépor desta segunda volta marca máis tantos a favor nos mesmos partidos de volta comparados cos da ida, pero tamén encaixa moito máis, o dobre

Os números explican algunhas cousas. Que o Dépor xa non é tan seguro atrás. Perdeu capacidade defensiva e sobre todo fiabilidade. E malia que marca máis goles sofre moito máis para sacar rendibilidade ós seus enfrontamentos. Se che marcan prácticamente en cada partido, e case sempre, antes ca ti, o coste físico e emocional para remontar é moi alto.

Que pasa? Pois que a seguridade defensiva baixa porque os homes de arriba do Dépor perden moitos balóns e non son intensos na recuperación. Intenso non significa agresivo. Significa estar encima de cada xogada, significa axudar para que o rival non cheque con perigo á área branco e azul. Falta Culio, un home que aportaba en ataque, pero moito en defensa. O equipo tiña menos homes con nome, pero xogaba máis xunto máis confiado en si mesmo.

Falta Culio, un home que aportaba en ataque, pero moito en defensa

Coa chegada das fichaxes o cadro coruñés medrou en nomes, pero baixou en equilibrio. Non hai un once claro. Tampouco hai orde. As funcións dalgúns xogadores semellan diluidas, que non saben cal é a misión que teñen. A lesión de Salomão e os 4 partidos a Luisinho non axudan, claro. Algunhas son buscadas como a expulsión do portugués da semana anterior, outras non, son accidentes do fútbol.

O problema do Dépor é que engana coa posición que ocupa na táboa e disfraza moitos dos seus problemas e das súas carencias. Os erros que comete na zona ofensiva son os que acusa a defensa coruñesa. Rematado o entroido, semella que ao Dépor caeulle a careta.

Vázquez precisa recuperar o fútbol que practicaba nas primeiras xornadas coa eficacia que ten cara o gol con Toché neste intre. Do contrario, conservar o posto de ascenso directo esfumarase. Orde e talento. Xa o dicía hai 20 anos Arsenio Iglesias.
 

Comentarios