Opinión

Apuntes para ascender

Comeza un novo ano e o Deportivo segue no alto da clasificación. É unha boa forma de comezar. Que “duda” cabe -que diría Arsenio Iglesias...


Comeza un novo ano e o Deportivo segue no alto da clasificación. É unha boa forma de comezar. Que “duda” cabe -que diría Arsenio Iglesias-. 

Preocupa que a saída de Culio calle nos vindeiros días porque unha vez máis se demostrou que é un home fundamental neste equipo de Vázquez. Un bloque mermado ano a ano pola situación económica, a saída de Culio, se se confirma, como parece, ha ser moi preocupante. Encher o baleiro que pode deixar o arxentino é desarborar por completo a conexión do Dépor en ataque. Xa non fan falta inimigos, rivais, se non é posible convencer a Culio para que faga carreira na cidade herculina, polo menos este ano. De cara ó ataque, Culio é o home que ten máis argumentos, o máis completo. E o home que pon en marcha as xogadas a balón parado con máis perigo, aguanta o balón nos pés como facía tempo non se vía no Dépor, é loitador, bregador, un dos homes con máis sentido vertical que ten o cadro branco e azul. É a chispa. O motor. O punto de inflexión. A conexión co gol. E onte, en Xaén foi un exemplo máis desta importancia.

Debía estar prohibido levar un futbolista dun equipo cando este case ten xogados o maior número de partidos e minutos que se poden disputar no que levamos de tempada tras 20 xornadas disputadas. Iso indica a confianza e a necesidade que o adestrador ten desta peza esencial. A situación é máis dramática cando coñecemos a situación real, económica e deportiva, do equipo que terá moitas dificultades para atopar un substituto. Se todos están convencidos de que sen ascenso a situación vital do club é agónica, terminal, coa posible marcha dunha das pezas de maior valor a respiración asistida comeza a ser xa un feito. Evidentemente, Culio ten o dereito de aspirar a máis, de acollerse ó progreso e de esquecer un pasado futbolístico tormentoso se lle enchen o peto de súpeto. Xogan por iso. Pero insisto, aínda que a progresión de Culio é lexítima tamén o é a planificación dun equipo. O Dépor loita por sobrevivir e non pode permitirse máis mermas. O Dépor sen Culio é menos Dépor. E todos o saben. A saída do centrocampista arxentino pode ser como o golpe sufrido polo club o verán de 1997 cando a traizón o Barça levou a Rivaldo. Pero só no significado do golpe porque o resultado de caixa que se se pode obter desta vez non é nin comparable, así que nin sequera a saída de Culio pode ser un consolo financeiro.

Por outra banda, é certo que só coa presenza de Culio o ascenso non se garante. E en xornadas como onte constátase que neste Dépor calquera oportunidade, calquera, debe ser aproveitada como se fose a única. E refírome a ocasión de Luís Fernández que se foi polas nubes. Unha ocasión así debía de golpearse con máis cabeza, de mellor xeito, con máis mimo e menos precipitación. Este equipo precisa o gol, un gol, por adiantado, para poder sentirse seguro. Cando o gol non chega só queda defenderse como se pode e lidiar cos nervios, que foi o que pasou en Xaén. Os dez últimos minutos de partido, o equipo andaluz tivo dúas ocasións que encolleron aos afeccionados tanto nas súas cadeiras, que, de feito, ó rematar o encontro se deberon erguer coa forma do asento no que viron o encontro pegado ao cu, ou co cu aparafusado á cadeira. 

O mellor da xornada é que os rivais tampouco sumaron puntos para arrebatarlle o cetro de líder ós deportivistas. Pero ollo, xa leva tres xornadas sen gañar e aquí sumar tres puntos precísase como o comer. Veña que o campionato de inverno é posible. Cada vez está máis preto. Hai que aguantar un pouco máis.

Comentarios