Opinión

Dépor: flor de un día

Confirmado. Aquel día foi un espellismo. Xa non fai falla ver nada máis.

Confirmado. Aquel día foi un espellismo. Xa non fai falla ver nada máis. A vitoria ante o Valencia foi un bálsamo si, pero só para Víctor Fernández, nada máis.

Ante os rivais do seu par, o Dépor volveu desaparecer, regresou á nada, a ratificar que non sabe a que xoga, a descubrir cales son as súas propias debilidades, a preocupar os seareiros. A goleada inflixida ós ches debeuse a un mal día “orange”, a un accidente no seu camiño á Champions, a unha ilusión va e efémera, un engano, un arreón de fin de estación como o verán que estabamos a vivir. Flor dun día.

A primeira parte dos deportivistas foi deprimente. Un equipo sen alma. Un estar por estar, sen saber para que e por que. Unha improvisación. Nulo tacticismo. Nulo despregue ofensivo e defensivo. Un derroche de forzas para nada, como un día calquera no ximnasio para manter o ritmo cardíaco e a tonificación muscular. Un correr como polos sen cabeza, que diría J B Toshack.

Chegará un novo xardineiro co inverno e volverán saír raíces vigorosas cunha flor branca e azul na vindeira primavera

Repito a pregunta que fixen hai unhas semanas: realmente o Dépor é tan malo xogando ó fútbol? E engado outras preguntas que xa se escoitan en voz alta: é este cadro de xogadores tan limitado? é este equipo un candidato seguro ó descenso á Segunda División? Están a xogar os futbolistas herculinos no seu sitio, onde saben, onde poden demostrar as súas verdadeiras cualidades?

Reapareceu a inseguridade defensiva en Riazor. Un feito que na Coruña é considerado como un auténtico sacrilexio. Lémbranse de cando Riazor era un fortín inexpugnable? Dá igual a combinación de defensas que vostedes poñan, dá igual, o resultado é o mesmo. Son todos horribles? Así que, é cousa de homes ou é cousa de fallos estruturais? Como e canto se ensaia o bloque defensivo deste equipo? Saben eles como teñen que defender? Realmente, saben a que xogan? Coñecen de verdade como xogan os seus rivais?

Fagan vostedes o seu propio “fact check” e respondan estas preguntas retóricas, porque estou seguro de que intúen perfectamente cales son as miñas respostas.

O Dépor volveu ao oltrismo e ten que saír del. Aprender do pasado. Urxe un cambio radical ou a Segunda espera afiando o coitelo

Hai unhas semanas, o FC Magdeburg, equipo de fútbol que xoga na Liga Rexional de Alemaña, tivo que ver como os seus seareiros lle sinalaban desde as bancadas onde estaba a portería rival, o lugar onde tiñan que atacar, o lugar onde tiñan que xogar e meter o balón. Vergoñento, non si? Terán que facer os Riazor Blues e os do fondo de Pavillón, respectivamente, algo semellante?

Non poñamos excusas. O Dépor non xogou a nada. O Dépor amosa máis debilidades que fortalezas. Ten pouco olfato de gol porque vive pouco e mal na área rival, pero convive peor en propia porta. O Dépor volveu o oltrismo e ten que saír del. Aprender do pasado. Urxe un cambio radical ou a Segunda espera afiando o coitelo.

O Dépor vive e xoga fronte un espello, pero… saben que? Que está cego. Non ten ollos para mirar e sente a cada paso o tremor da terra baixo os pés. Sentiuno nunha noite de Samaín. Quizáis viu a Santa Compaña e paralizóuselle o corpo. Non teman. Tralo Samaín, pasan todos os santos e todos os defuntos. Deixaremos de ver o Dépor como alma en pena. Se o teñen De Guindos e Montoro, hai tempo para a recuperación.

Repitan comigo. Confianza. Chegará un novo xardineiro co inverno e volverán saír raíces vigorosas cunha flor branca e azul na vindeira primavera. Abofé.

Comentarios