Opinión

Dépor: é o momento de “podemos”, de podar

Pois non. Non me serve o calificativo de épico. 

Pois non. Non me serve o calificativo de épico. Un empate a cero nunca pode ser heroico cando un equipo xoga enrrugado, con medo, pechado atrás no seu campo, acubillado, pertrechado, parapetado, metido nunha zanxa, rendido, á defensiva, única e exclusivamente. 

Non se pode falar de épica cando un equipo se esconde no campo do colista. Non hai nada heroico en renunciar ó ataque diante do peor equipo de Primeira, á vista está os apupos dos seus desesperados afeccionados. E non se pode presumir de nada, sobre todo, cando ao adestrador se lle enche a boca de falar de que o seu estilo de fútbol é de ataque, preciocista, ofensivo, feito para gustar, para tocar, para brillar. Nada de nada de nada. Vamos que se afoga en palabras.

O punto é positivo? Pssss…. psi. Si, o é. Pero se esa é a única lectura que se pode sacar do campo do colista, vale. Peor era a derrota, que dúbida cabe (Raposo de Arteixo, dixit). 

Pero non. Non é xustificable un empate porque unha vez máis o que queda nos beizos é amargor, depresión, desilusión, pouca admiración. 

que facía aí Postiga, por que agarra a un rival na área, por que empurra a un rival sabendo que xa ten un cartón amarelo cinco minutos desoís de ver a primera tarxeta… 

Si, home si… xa sei. Que si, que con dez homes o equipo estivo ordenado, mantívose firme na posición, non perdeu a forma, aguantou o plan improvisado de resistencia. Ah, pero… ese é un plan válido para un Dépor que xoga co colista?

Miren, sería sinxelo chegar hoxe a estas liñas, bastantes horas despois do partido no Arcángel, e descargar a pluma, bueno…, quixen dicir, aporrear o teclado do meu ordenador falando da mala arbitraxe de Mateu Lahoz. Xa o comentei en Radio Marca o venres pola noite durante a retransmisión do partido. Ó colexiado debeu pasar mala noite. Se viñese de Tenerife de ver a Olga María igual pitaba con outra alegría, pero non foi o caso. O partido estaba máis para o cuarto árbitro que para o trencilla principal que tivo un día tontarrón. Non vou caer na tentación. Esa non pode ser a desculpa. 

O partido comezou cunha ocasión marrada no minuto 5, co porteiro case vencido. E xa está. Foi a única xogada de ataque do Dépor. Si, xa sei: o do penalti, o da expulsión de Postiga, bla, bla, bla… Cuestión aparte é razoar que facía aí Postiga, por que agarra a un rival na área, por que empurra a un rival sabendo que xa ten un cartón amarelo cinco minutos desoís de ver a primera tarxeta… Na expulsión inxusta xa leva a penitencia para pór a cabeza en frío. Pero non desviemos o foco do importante.

E que? E xa está? Un equipo cunha historia de peso cando queda con 10 pilas reacciona tocando á retirada no minuto 15 da primeira parte? Podese dixerir iso así, sen mais?

Cando mudan as circunstancias sobre o terreo de xogo hai que ter reacción, frescura de ideas, transmitir mensaxes ó térreo de xogo

U-lo xogo dos catro laterais co que se traballou pola semana? Para que catro? Por que con dez xogadores se segue con catro laterais se desde o banco técnico o toque de corneta é o de porse a cuberto? Onde está ese manual de adestrador que explica que se xoga mellor con dez ca con once sobre o terreo de xogo? Porque habelos hainos. Acoso nunca viron e nunca escoitaron iso? Pois voulles refrescar a memoria, Helenio Herrera, ex adestrador deportivista acuñou unha das súas míticas frases que serve para explicar episodios nos que o equipo que xoga con menos futbolistas é capaz de dobregar ó rival que actúa con superioridade numérica. Se buscamos no Dépor algúnn exemplo recente, cun Deportivo xa en declive, lembramos como Lotina soubo sacar partido ante o Málaga cando se quedou con dez no campo. E non perdera un defensa, fora un dos seus centrocampistas, Pablo Álvarez. Non tocou nada. No se encerrou e arañou un empate cando o seu equipo perdía. O Málaga puxo máis atacantes que Muñiz para impoñer a súa vantaxe. Pero o último remate do partido foi para o Dépor porque o buscou. 

Un adestrador que interioriza que manexa un grupo sen talento, que abanea á árbore ó tuntún, que manifesta reaccións senís, ou sexa, incapacidade, é un perigo

É dicir, cando mudan as circunstancias sobre o terreo de xogo hai que ter reacción, frescura de ideas, transmitir mensaxes ó térreo de xogo. Tirar de manual, de inxenio. Ter previsto un plan “B”. Aos bos técnicos págaselles ben porque se supón que saben apretar o parafuso que os demáis non saben apretar para que a máquina volva funcionar ó xeito. Por iso son técnicos. Por iso cobran.   

Un adestrador que interioriza que manexa un grupo sen talento, que abanea á árbore ó tuntún, que manifesta reaccións senís, ou sexa, incapacidade, é un perigo. Juan Domínguez dixo hai unha semana, nada máis caer derrotado co Xetafe, que os partidos hai que plantexalos doutro xeito

Pois iso. Para seguir todos os días igual… xa está todo demasiado visto. Asi que reacción ou “podemos”, do verbo podar. Xa vai tocando. As podas non se poden facer na primavera. E se non hai poda confiemos en que “podemos”.

P.D. Para outro día queda falar de Fabricio. Se non fose por el a estas alturas o Dépor estaría en descenso directo. A súa madurez e as súas accións valen ouro polo momento.

Comentarios