Opinión

A sorte alíase co Deportivo

Esta semana renuncio a falar do xogo do Deportivo.

Esta semana renuncio a falar do xogo do Deportivo. A situación é tan delicada a nivel económico que priorizar o resultado sobre o xogo semella o máis responsable desde o punto de vista de como se está a afrontar deportivamente esta etapa. E nese sentido hai que soster a explicación do que sucedeu en Zaragoza. Certo é que este argumento resulta perigoso, sobre todo porque alimenta as profecías dos que entenden que se en calquera momento o Deportivo sofre unha picada, co que apretan nesta recta final os que veñen por detrás, poderían errar os cálculos resultadistas.

Pero a verdade é que o Dépor leva vivindo toda a temporada do resultado. Unhas semanas mellor que outras. Isto levou á bancada á división de opinións, pero, sinceramente, entendo que é un debate perdido. Fernando Vázquez tomou unha decisión, que non é especulativa e que pretende manexar a gobernanza futura do clube. E semella que é unha idea compartida no vestiario, que ofrece mostras de que entende ben esta necesidade vital da entidade, por riba do fútbol como xogo. A necesidade de soster resultados fai que a estética do xogo sexa débil. Pero o plan tamén ten as súas fortalezas e nesa clave debe entenderse. Iso sen ter en conta que este ano o adestrador, e calquera que fose tería o mesmo problema, debe tapar buratos cada semana. As lesións, as sancións, as saídas, as novas entradas. Non é un reto sinxelo, se logo botamos unha ollada polo miudo ás cifras.

Ou resultados ou xogo

Hai que elexir. Ou resultados, ou xogo. Se poñemos o foco do visto ata agora só nos resultados, estes son altamente rendibles, malia a escasa vistosidade para conseguilos. Na comparanza que fago semana a semana cos mesmos partidos disputados o comezo da competición, os de Vázquez replican os mesmos números que levaron ós deportivistas ó liderado. Suman 17 puntos no cómputo global dos mesmos partidos. Se o Deportivo gañase ou empatase a vindeira semana co Tenerife en Riazor -no Heliodoro Rodríguez os branco e azuis perderon 2-0- os números destas once xornadas superarían ás do inicio da competición.

A necesidade de soster resultados fai que a estética do xogo sexa débil.

A decisiva vitoria en Zaragoza, gracias a un gol facturado na churrería Laure, consolida o equipo no segundo posto da clasificación, posición que ocupou 11 semanas. O tanto de Laure chegou tras unha boa xogada do propio Laure e Juan Domínguez. A execución do disparo á porta aínda que foi defectuoso contou co rebote final do pao á caluga de Leo Franco. Un gol con sorte, que conseguiu por tirar á porta. O Zaragoza, antes do gol herculino, tivera tres ocasións ante Lux, incluido un man a man, que o meta arxentino salvou. Pero a fortuna é algo que tamén hai que buscar. Lástima que o Dépor non busque máis a sorte que semella ter de cara.

Dos tres equipos descendidos esta temporada, só o Dépor resiste con firmeza. O Zaragoza xa mira polo retrovisor á Segunda B. E o Mallorca ten días bos. Onte foi un deles. Pero o equipo con máis sorte sen dúbida é o de Fernando Vázquez.

Comentarios