Opinión

Cirrípedes

A cara de noxo non podía ser máis elocuente: a María Pombo non lle gustan os percebes. Nunha historia de Instagram, a influencer máis cotizada de España e musa do papel couché cheiraba con xesto de náusea un prato de cirrípedes. As súas amigas, tamén influencers e asiduas do papel couché –aínda que moito menos que a influ alfa–, exclamaban arrepiadas: “Es pezuña de dinosaurio, o sea...!”.

Ao desaire da Pombo cos percebes podemos chamalo ignorancia ou pailanismo de revista, se queren. Pero o alcance do fenómeno das persoas influíntes que se sitúan por riba do ben e do mal, pretendendo descubrirnos o mundo sen coñecelo, sen responsabilidade e cun nulo interese polo respecto e o saber, vai moito máis alá. Acontece cando unha instagramer promulga a súa rutina de vomitar para “limparse por dentro” como un consello máis de benestar. Ou cando un ser infame presume de exacular dentro dunha muller sen o seu consentimento, elevando ben arriba o cetro da cultura da violación. Todo isto sucedeu só este mes.

Hai algo en común entre influencers como María Pombo e os percebes: non son o que parecen. O número de portadas de ¡Hola!, o cúmulo de seguidores nas redes, o reconto de visualizacións en Twitch, poden ser e son, con moita máis frecuencia da desexable, inversamente proporcionais á súa aportación útil ao mundo. Cos cirrípedes, o mesmo, pero ao revés, porque son moito mellores do que suxire o seu aspecto. Vaian os meus perdóns pola comparación aos meus queridos percebes –sobre todo, aos do Roncudo– e ás comunidades enteiras que viven grazas a eles.

Comentarios