Opinión

Ao sol

[Alberte Mera]

Falsas esperanzas chegan mais unha vez desde Bruxelas. Se na pasada semana a Comisión Europea corrixía o ministro español Luis Planas despois de que este asegurase que o veto á pesca de fondo non afectaría 87 zonas do Atlántico Norte senón unhas 40 (a Comisión dixo que as zonas prohibidas para a frota seguían a ser 87, outra cousa é que uns 40 caladoiros tivesen puntos onde se puidese pescar), onte, Sadauskas Kestukis, director xeral adxunto de Mar da UE, dixo  na comisión de Pesca da Eurocámara que se ben estudarían en decembro o veto á pesca -se os informes o requirisen- non sería até a primavera de 2023, como mínimo, cando entrase en vigor unha posíbel modificación do veto.

E mentres, mariñeiros da Galiza pasaron onte "un luns ao sol", o primeiro  dos moitos que poden vir, se quen nos goberna non toma a dianteira e decide actuar. Fálase de recursos, o Estado dixo que recorrerá, a Xunta estuda recorrer, mais polo de agora non se pasou dos anuncios.

Varios buques non saíron traballar onte por non coñecer onde podían pescar, non ter información clara, á espera de que as institucións movan ficha. A pesca, as e os mariñeiros, unha vez máis, neste país, ao sol. É así como a Unión Europea trata a pesca galega. A xente do mar e a Galiza toda precisa ser defendida desde as institucións que a representan. Actúen. O tempo de desconto rematou. O veto chegou.

Comentarios