Opinión

De 'coliving' e 'preciso compartir piso'

[María Obelleiro]

Non é infrecuente ler o estranxeirismo ‘coliving’ para denotar de maneira positiva a triste experiencia de ter que compartir vivenda porque os ingresos económicos non son suficientes para chegar a fin de mes. Emprégase o termo como unha especie de eufemismo para agochar o que empezou nas grandes cidades do Estado español e que xa se está a estender por Compostela, A Coruña ou Vigo. Cada vez son máis as persoas que vivían soas e se ven na obriga de compartir piso por necesidades económicas. Á par, hai propietarios e propietarias que optan por mudar o aluguer tradicional, no que se arrenda a vivenda enteira, por un aluguer de cuartos, co fin de tratar de incrementar os ingresos.

O da vivenda é xa un dos problemas de maior magnitude debido ao incremento imparábel dos prezos de aluguer -e tamén de venda- motivado, sobre todo, pola falta de oferta no mercado inmobiliario. Sobran vivendas de uso turístico e faltan vivendas para aluguer permanente. A imaxe das ringleiras de estudantes buscando onde morar desde setembro é unha das moitas realidades dunha problemática que alcanza cada vez unha dimensión máis grande. As cifras das que nos facemos hoxe eco evidencian que son necesarias políticas de vivenda pública máis decididas e unha aposta pola protexida.

Comentarios