Opinión

Da telemedicina á fotomedicina

[María Obelleiro]

Se en 2020, a raíz da crise sanitaria da Covid-19, a Consellaría resolvía tirar da telemedicina para atender as persoas usuarias da sanidade pública, agora quere facelo vía fotografías. Como diría Castelao: “Non vos riades que o conto é triste”. Lonxe de ser un relato de ficción, aconteceu nun dos Puntos de Atención Continuada (PAC) máis castigados polos recortes aplicados pola Xunta da Galiza: o da Parda, na cidade de Pontevedra. Xa a noite de Fin de Ano, unha das máis complicadas a nivel asistencial polo incremento no número de incidencias, ficara sen médicos, mais o día 2 volveu acontecer.

Segundo a CIG, a receita empregada pola Consellaría para tapar o desastre da madrugada do día 1 foi contratar persoal médico externo ao Sergas e no día 2, segundo persoas usuarias, o remedio foi a peor, pois as enfermeiras, ante a falta de médico de 15 horas a 8 horas, atenderon pacientes enviando fotografías a un facultativo doutro municipio para poder receitar antibióticos.

A Consellaría segue a teimar no mantra “non hai médicos” mentres recorta as partidas orzamentarias destinadas á Atención Primaria e continúa coa política de contratación precaria. Quen paga? Está claro: as propias e propios profesionais, que aturan axendas inasumíbeis, e as persoas usuarias, que ficamos desatendidas.

Comentarios