Opinión

Epístolas de Pedro

[Xoán Costa]

Hai fórmulas de comunicación tan experimentadas ao longo da historia que o seu uso, recuperado hoxe, é garantía de éxito. Falo das epístolas, ou cartas, que das dúas maneiras se poden chamar, sen esquecer que nalgunha lingua se utiliza a forma “letras” por ser carta sinónimo de papel. Na literatura abunda o xénero epistolar, de Paulo de Tarso, autor de sete epístolas, a Simón Pedro, autor de dúas; de Voltaire a Neira Vilas. 

Pedro Sánchez caiu hai tempo do cabalo mais non foi até agora que se interesou polo xénero epistolar, igualando xa, en número, as que escrebeu o primeiro bispo de Roma. Quizá conveña lembar que desde o século XV a palabra carta foi ampliando o seu campo semántico, ocupando ámbitos vetados á epístola, e que na comunicación actual tamén se debe ter en conta o xénero das “misivas”, especialmente as producidas para medios sensacionalistas e redes sociais. 

As epístolas de Pedro Sánchez, na intención, parécense máis ás de Simón Pedro: son ecuménicas,  van dirixidas a toda a cidadanía, ao contrario das “paulinas”, máis centradas nas comunidades que o de Tarso ía fundando. PD: Chegados a este ponto xa non teño claro se as cartas de Pedro Sánchez forman parte do xénero epistolar ou se trata dun simples xogo de cartas, un “as na manga” para se colocar no centro do xogo. Haberá que agardar pola terceira epístola.

Comentarios