[Alberte Mera]
Inesquecíbel para varias xeracións aquel "O mar, o mar, quen mo foi levar" que cantaba a gran Mercedes Peón e que abría aquela serie, tamén inesquecíbel, Mareas Vivas. Pasaron os anos e varios petroleiros co seu chapapote vertido fronte á Galiza leváronnos o mar.
Agora, vestido de green washing, a costa galega está no albo das multinacionais enerxéticas para facer negocio a partir do territorio galego sen deixar, ademais, impostos nin compensación económica na Galiza. O Goberno español aprobou onte as zonas da costa onde se poderán erguer centrais de eólica mariña, case a metade, fronte á Galiza. Unha vez máis este país fica para producir enerxía para territorios foráneos.
Ao tempo, Bruxelas apura os Estados da Unión Europea a vetar a pesca de arrastre nas súas augas. Que causalidade... precisamente o Plan de ordenación dos espazos marítimos (POEM) aprobado onte no Consello de Ministras e Ministros afectaría 100 caladoiros de pesca da frota galega. As confrarías téñeno claro, ven o lobby enerxético da eólica mariña detrás da prohibición á frota de Bruxelas.
Por que desde logo que o necesario abandono das enerxías contaminantes ten que ir acompañado do respecto ao medio ambiente e á forma de vida e traballo das maiorías sociais. Senón nin é futuro, nin é verde, é pasto para os oligopolios a custa do pobo.