Opinión

Polas 'Teres'

[María Obelleiro]

Teresa finou na cuarta feira. Levaba 12 días ingresada no hospital. Gran dependente desde había anos, e baixo os coidados da súa filla -dedicada a ela ao cento por cento-, padecía múltiples patoloxías. Deu positivo en Covid-19 e tivo que ser hospitalizada porque non podía respirar ben. Acabou falecendo, non da Covid, senón coa Covid. Nos días en que estivo no hospital só puido ter contacto telefónico coa familia -rompendo a chorar e sen ser quen de falar- e cada día preguntaba polos seus e pedía regresar á casa.

O protocolo sobre visitas impediu que Teresa volvese ver a familia. As últimas persoas coas que interactuou foron as enfermeiras, auxiliares e médicas. Só deixaron entrar unha visita despois de sedala. Cun EPI e cos lentes empanados, a filla puido ver a Teresa, xa inconsciente. O látex do par de luvas que cubría cada unha das mans impediulle sentir aquel corpo que tanto coidara. Que despedidas inhumanas! E até hai uns meses, nin sequera se permitía visitar a persoa ingresada nas súas derradeiras horas de vida. Estamos en condicións de que nos dean a alta médica, tendo a Covid, aos sete días, e Feixoo quere reducir o prazo a cinco. Todo sexa para favorecer os números e os resultados das empresas, mais quen mira polas persoas cando se apagan?

Comentarios