Opinión

Rúas lilás, Xunta gris

[Alberte Mera]

Micromachismos. O termo proposto nos 90 para referirse ás condutas machistas que no día a día se repiten de forma cotiá na sociedade foron e son albo de múltiples obradoiros no movemento estudantil e en espazos de combate ao machismo para repensar as propias condutas co obxectivo de mudalas e non repetilas. E é que no sistema patriarcal está a orixe da violencia que agride e mata as mulleres polo feito de seren mulleres. Unha realidade que un 25 de Novembro máis fixo tinguir as rúas da Galiza e do mundo do negro do loito polas que non están e do lilá dunha loita e revolución feminista que fai avanzar as sociedades. Volvendo aos obradoiros de micromachismos, fica claro que na Xunta non aprenderon aquilo de fixarse e autoanalizar as condutas propias para emendalas.

Non hai rectificación: ignoradas foron en San Caetano as críticas que anegaron as redes contra a campaña do 25-N da Xunta por revitimizar e culpabilizar as mulleres. De nada valeu na Xunta, aparentemente, a petición de retirada da funesta campaña que realizaron entidades feministas, Deputacións, Concellos e formacións políticas. Se onte diciamos nestas liñas que rectificar é de persoas sabias, a Xunta sabia non debe ser porque non só non rectificou ante a petición do tecido social, senón que afirmou que as críticas á campaña son de "absoluto oportunismo político". Dá calafríos só ouvilo. 

Comentarios