Opinión

Rueda bota contas

[María Obelleiro] 

Desde hai semanas, o Goberno galego está instalado nunha tónica electoral. Tras anunciar Pedro Sánchez, para sorpresa de todas e todos, o adianto das eleccións estais ao mes de xullo, Alfonso Rueda reuníase cos máis estreitos colaboradores para analizar que facer. A idea era sumar os comicios galegos aos estatais e, de feito, convocara unha rolda de prensa de urxencia para a tarde desa segunda feira posterior ás municipais.

Mais a Rueda non lle deron os números e deu, como puido, marcha atrás, até o punto de ofrecer unhas declaracións baleiras de contido que non xustificaban unha convocatoria de comparecencia de urxencia.

Nas últimas semanas estudou, co seu núcleo duro, convocar as galegas para o mes de marzo. E o PP traballa con esa perspectiva. O que fica claro é que Rueda está en plena campaña, apoiado sen disimulo do aparello da Xunta da Galiza e tamén da CRTVG que, sen disimulo, coloca a súa imaxe e mensaxes propagandísticas do presidente até na sopa. Tamén fica claro que Rueda convocará cando os estudos demoscópicos que manexa o partido sexan o máis favorábeis para os seus intereses, e para os intereses dos capos das grandes enerxéticas que espolian o territorio galego para levar os beneficios fóra. Non o vai ter doado Rueda. Desta vez, tanto BNG como PSOE van dalo todo para lograr un Goberno en chave de país.

Comentarios