Opinión

O rural alén do slogan

Tres parroquias carecen a día de hoxe de persoas censadas e outras moitas contan con menos de dez residentes. O despoboamento afecta, sobre todo, o rural, e para revertelo é necesario ir alén do slogan e de eloxiar os beneficios de vivir no campo. Sen emprego, sen infraestruturas e sen servizos públicos malamente se poderá cortar a sangría.

É necesaria unha política de aposta real polo campo e iso implica xa, en primeiro lugar, mudar o actual modelo de financiamento económico, que prexudica a Galiza porque nin sequera ten en conta a dispersión poboacional e o envellecemento da poboación (dous factores que provocan que a prestación de servizos sexa máis cara que noutros puntos do Estado español).

Tamén implica unha nova política forestal, substituíndo o monocultivo de eucalipto por plantacións sustentábeis que contribúan a crear riqueza e a fixar poboación no rural. O especial sobre soberanía alimentar publicado xunto Nós Diario con motivo do Día da Patria Galega ofrece as chaves para pór Galiza a producir.

E, tamén, favorecer que as persoas que traballan a terra obteñan niveis de renda que lles permita vivir de maneira digna. Cómpre, en definitiva, considerar o medio rural como un sector estratéxico no desenvolvemento económico e social para facer dos espazos en risco de abandono lugares atractivos para a poboación.

Comentarios