Opinión

Con total impunidade

[Alberte Mera]

O ministro de Exteriores de Israel declarou onte que quere "levar a guerra" a Cisxordania, como en Gaza; é dicir, para que entendamos, o xenocidio. Non hai gran rubor mundial despois destas declaracións nin ordes de detención internacionais contra este individuo. A Organización das Nacións Unidas denunciou na tarde de onte que un vehículo humanitario "claramente identificado" cos emblemas da propia ONU e que formaba parte dun convoi "coordinado plenamente" coas autoridades israelís foi tiroteado cunha decena de disparos realizados polas forzas armadas sionistas. Onte aumentaron a más de 40.500 as palestinas e os palestinos mortos pola ofensiva de Israel contra a Faixa de Gaza e en Cisxordania o ataque israelí causou uns dez falecementos.

A comunidade internacional olla con perplexidade cara a onde as grandes corporacións e os seus medios e campañas de divulgación queren orientar a mirada: o problema é a inmigración, a okupación ou a rotura de España. Mentres, silencio e consentimento. Estes días a poboación galega, "a pesar do verán", amosa solidariedade con Palestina: mosaico humano en Vigo, onte e hoxe ondeando bandeiras palestinas no percorrido da Volta ciclista ou este sábado co Festival da Poesía en Salvaterra. Porque presionar e falar das vidas humanas é obrigatorio cada día. Todas as vidas importan.

Comentarios