Opinión

Trump como síntoma

Non é esaxerado dicer que o triunfo de Donald Trump produciu unha conmoción no mundo occidental. O candidato republicano reúne unha serie de rasgos -a súa misoxinia, a súa xenofobia- que o fan realmente antipático a ollos de sectores moi largos da opinión pública mundial, naturalmente aquí na Galiza tamén. En todo o caso, está por ver se o retrato que del fixeron os mainstream media -nalgúns casos á beira da caricatura, emparentándoo con Adolf Hitler- se corresponde ou non cos seus feitos a partir de agora nun país, non o esquezamos, que ten no seu pasado presidentes tan pouco edificantes do ponto vista democrático e da salvagarda dos dereitos sociais e cívicos como Richard Nixon, Ronald Reagan ou George W. Bush.

En todo Occidente é moi evidente que existe un profundo descontentamento social coas políticas neoliberais en curso en particular e coa evolución do capitalismo globalizado en xeral

En todo o caso, o triunfo de Trump -gañou contra prognóstico no número de delegados eleitos polos estados, non así nos votos populares- espella non poucos problemas sobre os que vale a pena debruzarse. En todo Occidente é moi evidente que existe un profundo descontentamento social coas políticas neoliberais en curso en particular e coa evolución do capitalismo globalizado en xeral. O deserto industrial en que se ten convertido boa parte do territorio dos Estados Unidos, vitimizando unha clase traballadora cada día máis empobrecida, ten sido caldo de cultivo preferente para que medrasen as plantas de Trump. A alternativa que ofrecía Hillary Clinton a ese vasto sector social era máis do mesmo. Certo que con Obama o paro ten descendido nos EUA, mais non é menos verdade que tamén o ten feito, e moito, o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores, nun escenario de enorme polarización social e de toma do poder político por parte dun conglomerado en que se dan a man o complexo industrial militar e o capital financeiro.

A resposta populista de dereita é neste momento a única que está obtendo apoio popular nos países industrializados. Ocorreu no Reino Unido co Bréxit e agora nos EUA. A esquerda ten un debate pendente por diante. Se continúa prendida no neoliberalismo, non terá capacidade para frear a avalancha reaccionaria.

Comentarios