Opinión

Xornalismo libre

[Alberte Mera]

Cando se escriben estas liñas está previsto que o xornalista de investigación Julian Assange estea de regreso a Australia, o seu país natal, após chegar a un acordo cos Estados Unidos de América (EUA) en virtude do cal ficaría en liberdade a cambio de recoñecerse culpábel dun delito por violar a Lei de espionaxe estadounidense por conspiración para obter e difundir información clasificada de Defensa Nacional. Si, o xornalista será condenado por espionaxe polo simple feito de ter realizado o seu traballo. A Assange debemos moitas ensinanzas: a valentía e profesionalidade xornalística ao difundir WikiLeaks material que probaba os crimes de guerra dos Estados Unidos nas invasións de Afganistán e o Iraq. Debémoslle poder ver o rostro real dos EUA ao empregar o seu sistema xudicial para atacar o xornalismo. Debémoslle o clamor social pola paz e a prensa libre. Debémoslle ver a solidariedade do Ecuador de Correa cando o acolleu na súa embaixada e a crueldade do Goberno proiaqui posterior que vendeu Assange á Casa Branca. Debémoslle coñecer como é a Xustiza e como se manexa desde o poder político-económico, nun día en que tamén soubemos que o PP pon fin ao bloqueo da renovación do Poder Xudicial no Estado español á vez que populares e socialistas pactan repartirse a totalidade dos membros do Goberno dos xuíces como se non houbese máis pluralidade.

Comentarios