Opinión

Equipo olímpico galego

Agostosa lambetada visual da cerimonia inaugural da Olimpíada de París 2024 entretivo durante case cinco horas a mil millóns de persoas de todo o planeta. Oportunidade que Francia como república organizadora non perdeu para presentar orgullosa diante do mundo a súa historia, lingua, artes (populares e cultas) e glorias deportivas, con especial atención ás súas pioneiras das ciencias e das letras, e para transformar París en escenario monumental dun espectáculo concibido para ser consumido en todo tipo de pantallas. Xogos de París que, como se pode ler no excelente monográfico de Sermos Galiza (nº 615), constitúen unha oportunidade histórica para que Galicia supere o seu teito de Toquio 2020, os xogos adiados un ano pola Covid-19, nos que foi a comunidade autónoma que obtivo maior número de medallas (catro pratas e tres bronces); metais que, se a participación galega fose recoñecida como equipo olímpico de seu, a situarían no medalleiro internacional por diante de Estados comunitarios como Portugal, Grecia ou Irlanda. Seguir con ollada atenta e orgullosa ao equipo galego en París, máis de trinta deportistas, a maior participación da súa traxectoria, con presenza destacada en disciplinas como atletismo, remo e piragüismo, contribúe a construír a identidade nacional galega e a desfacer os moitos prexuízos que aínda arrastra a actividade deportiva na cultura galega, temática escasamente abordada nas artes plásticas e na literatura propia, coas honrosas excepcións das novelas de María Reimóndez centradas en disciplinas olímpicas, Corredora (Xerais 2017) na maratón e Furia (Xerais 2023) no boxeo, no ensaio de Álvaro Alonso Filgueira, Galicia olímpica 1996-2016 (Teófilo edicións 2016) ou de libros infantís como Os xogos olímpicos de Ningures (Galaxia 2015) de Pinto e Chinto. Seguir París 2024 cos ollos pendentes no desempeño e nos resultados do equipo galego é máis que recomendable para avivecer o orgullo galego e vibrar coas nosas deportistas olímpicas e paralímpicas.

Comentarios