Opinión

Hai condicións para un bo resultado do BNG nas galegas

Coincido con aquelas persoas que coidan que os resultados electorais do 26-X, malia seren moi pobres para o BNG, dánlle no inmediato unha nova oportunidade (léase eleccións galegas). Esta posibilidade sempre estivo e seguirá aberta, mentres dure a conxuntura, malia o retroceso da última década, xa que no fundamental depende de que se fortalezan os acertos e rectifiquen os erros. Cómpre unha análise do traballo realizado e do contexto, e unha folla de ruta para que o nacionalismo aumente a complicidade das clases populares, cando menos aos niveis de finais da década dos noventa. O BNG mantivo unha forte incidencia electoral durante décadas. Se cadra, isto engadiu pexas, porque abondou con cumprir o guión e recoller o sementado con anterioridade, tanto no eido práctico como teórico, co que isto ten de inercia.

Non se pode obviar que alentan a recuperación electoral do BNG os resultados adversos das Mareas (tan ligadas a Podemos), xa que compiten no institucional no mesmo espazo que o nacionalismo anticolonial. Negalo sería de cínicos. Con estas forzas debe existir unha relación de alianza en reivindicacións concretas, especialmente no ámbito social e laboral, e de debate na folla de ruta, e a respecto de suxeitos políticos autónomos do povo galego, como parte esencial para a formación da conciencia nacional e da defensa dos intereses do país. Isto é central para acadar a soberanía nun país dependente, colonizado, como é Galiza.

Alentan a recuperación electoral do BNG os resultados adversos das Mareas (tan ligadas a Podemos), xa que compiten no institucional no mesmo espazo que o nacionalismo anticolonial

O recuar electoral de Podemos-Mareas non é circunstancial, xa que ficaron esnaquizados no imaxinario colectivo os principais activos cos que contaban como forza alicerzada no institucional, ou sexa: que ninguén ía deter o seu avance cara á maioría electoral, para seica facer realidade dende o institucional unha sociedade máis democrática e sen pobres e marxinados. Porén na realidade, para alén dos espellismos oportunistas, “tomar o ceo por asalto” non é tan doado. Alí onde governan, hai cambios menores dos esperados, por máis que escenifiquen as iniciativas. Prometeron máis do que conseguen, e iso ten custes. Isto tamén lle pasou factura ao BNG no bipartito. En resumo: todo reflicte que o estado de ánimo está a mudar, tamén as tendencias. Daquela a súa crise, o álxido do debate interno. Por se non abondase, esta forza iniciou unha viraxe a socialdemocracia, que agora Pablo Iglesias define como estratéxica, de avance cara o realismo de toda forza que queira governar, e considera á socialdemocracia europea como unha aliada necesaria (Hollande, Tsipras, non semellan ser as opcións do cambio).

Teñen razón aquelas/es nacionalistas que afirman que non se trata de ollar para o pasado, máxime cando se considera que por facelo xa está garantido o futuro. Agora ben, do que leva feito ate hoxe o “movemento nacional popular” ten moito do que estar orgulloso, e do que aprender. E quen esquece a historia está exposto a tropezar cen veces na mesma pedra. Cando non se analiza polo miúdo o pasado, especialmente o máis próximo, e non se tiran conclusións do ben e do mal feito, e todo se basea na teoría abstracta, nas ilusións, e non na praxe, repítense erros (que os hai), tómanse camiños equivocados, e reprodúcense mensaxes que nos afastan da clase traballadora e outras camadas populares. No ámbito das ideas, terxiversando a realidade, é onde as clases dominantes teñen un maior control dos comportamentos sociais e políticos. O pasado importa, é verdade que non tanto como o presente e o futuro... mais importa, para aprender, para ter unha interpretación correcta do proceso, das tendencias dominantes. Só así se poderá saber como se conformaron as clases hexemónicas, como se avanza na conciencia política, como se derrota a cultura dominante, como se mudan as relacións de poder e se termina coa desigualdade social e coa dependencia.

O pasado importa, é verdade que non tanto como o presente e o futuro... mais importa, para aprender, para ter unha interpretación correcta do proceso, das tendencias dominantes

As eleccións galegas non van ser doadas para un BNG que vén de varias recuadas electorais, e rupturas internas, que non se poden dar nunca por totalmente completadas nun contexto tan complexo polo variábel (tamén as tivo Anova, malia o éxito electoral). Asemade, non son o mesmo as eleccións municipais que as galegas, nen estas que as xerais ou as europeas. Nas dúas primeiras, en todas as etapas, o nacionalismo tivo mellores resultados. Agora ben, o importante para superar os atrancos, as eivas e dificultades, é ter un proxecto que chegue á xente, que non sexa abstracto, polo que debe posuír: obxectivos para cada etapa (e definilas con claridade), folla de ruta, política de alianzas e métodos de traballo, para construír conciencia social e nacional e gañar a complicidade das clases populares. E para avanzar nestes obxectivos, hai que facelo nos catro eidos onde se dá a batalla por mudar a correlación de forzas: no eido das ideas, na organización, na mobilización e no poder institucional. Sei que teño repetido isto até o fastío, porén Podemos e confluencias amosaron máis unha vez que é un erro querer cambiar a realidade sen organización de masas e mobilización.

Seguín de preto as xerais, sabendo que a votación estaba moi polarizada e influenciada polos grandes medios (especialmente a televisión), e que unha parte dos/as simpatizantes do BNG ían apoiar as Mareas como voto útil e outros/as ficarían na casa porque consideraban que non ía mudar ren. Tiña lóxica que fose así; era o custe dos erros cometidos, das rectificacións pendentes, e dunha campaña o 20-D con pexas, no discurso e na presentación. O que máis me preocupaba nestas eleccións era a mensaxe da fronte, a capacidade para chegar á militancia e a aqueles/as que asistían aos actos, e ilusionalas. En Vigo fíxose un bo mitin de final de campaña, mais sería en Pontevedra onde se uniron correctamente seriedade e optimismo, e onde a escenificación e os discursos ligaron mellor o laboral e o social co democrático e nacional. O BNG foi quen de transmitir a forza dun proxecto vivo, especialmente na intervención da portavoz Ana Pontón. Eivas, algunha, que cómpre solucionar. Coido que hai que falar máis do mundo do traballo, porque é básico e central para combater a pobreza e a marxinación, porque abrangue á maioría social (xa que ten vinculación cos pensionistas, desempregados e emigrantes). Como dicía a aboa de Luis Bará: “cartos hai, o que están é mal repartidos”. Ademais, nunca deberiamos esquecer, que o discurso sempre hai que encetalo polo principio, polo que nos achega á xente, polo que padece no cotián, só así consegue a súa complicidade. E ilo desenvolvendo sempre do concreto ao xeral: condicións laborais, sectores produtivos, dereitos sociais, democracia, soberanía. Nesa orde. Comezar polo final, pode ser correcto na abstracción teórica, afastada da praxe, porén deixa a gran maioría no camiño. Non é correcto politicamente, non transforma. A orde, o cando e como, importa, non é secundario.

O discurso sempre hai que encetalo polo principio, polo que nos achega á xente, polo que padece no cotián, só así consegue a súa complicidade

O BNG non pode estar a ofrecer unha e outra vez a unidade a outras forzas do nacionalismo cando non existen condicións, ben sexa porque estas teñen unha folla de ruta distinta ou porque defenden proxectos diverxentes no social. A unidade posíbel xa se concretou na candidatura BNG-NÓS, e débese ampliar todo o posíbel cando existan condicións, non como táctica electoral. Sen dúbida é unha iniciativa que amosa xenerosidade política de cara á sociedade, mais tamén falta de confianza nas propias forzas, debilidade. Tampouco é unha cuestión menor que as/os candidatos sexan persoas que poñan por diante sempre os intereses da sociedade, non as súas hipotéticas capacidades intelectuais e moito menos as súas sensibilidades e prioridades políticas persoais (non hai nada anecdótico en política, máxime cando se rema contra corrente, e os pequenos erros poden terminar marcando a campaña, xa que os medios deciden que priorizan). Non abonda con se declarar nacionalista e falar galego. Trátase de servir as clases populares, porque elas son esencialmente a nación galega. Cómpre que os candidatos/as nos primeiros postos teñan capacidade de comunicación, que gañen complicidades, que transmitan seriedade, emocións e liña política. A política non é algo amateur nen un espectáculo, para os que loitan pola liberación nacional e social, para os que queren crear conciencia e organización.

A representación institucional ten importancia, máxime neste contexto cando é a única vía de acceso ao poder, porén sería un erro estratéxico ignorar que o fundamental é a loita no eido das ideas, a organización e a mobilización. Especialmente esta última. Que sen a hexemonía nestes espazos non se poden conquistar avances dende o institucional a prol das clases populares. Daquela que o BNG e o conxunto das forzas anticoloniais teñan que tomar a iniciativa na protesta laboral, social, democrática e nacional. Sei que este papel nunca o deixaron de cumprir no que respecta a estar presentes en todos e cada un dos conflitos con base popular ou nas mobilizacións conmemorativas. Porén, a inmensa maioría destas son loitas defensivas e conxunturais, que abranguen colectivos moi determinados ou a militancia máis politizada. O importante, o que cambia a medio prazo a correlación de forzas (tamén no institucional), son as campañas que reivindican obxectivos globais no laboral, social, democrático e nacional, que se manteñen no tempo, que forman parte dunha folla de ruta e polo tanto terminan agudizando as contradicións do sistema e xerando debate e conciencia política. Sería un erro estratéxico non aproveitar totalmente a capacidade de mobilización que ten o nacionalismo anticolonial, máxime cando este é un feito diferenciador.

Sería un erro estratéxico ignorar que o fundamental é a loita no eido das ideas, a organización e a mobilización. Especialmente esta última

Se temos en consideración o contexto, a concorrencia aos mitins, a fortaleza da mensaxe no acto de Pontevedra, e o mapa institucional posterior ás xerais, todo fai pensar que existe un BNG (ao final da campaña) capaz de consolidar a súa presenza parlamentar nas eleccións galegas. O reto é facelo realidade.

http://manuelmera.blogaliza.org/