Opinión

Podemos papouse as Mareas

Os medios dánlle estes días páxinas a esgalla ás Mareas e máis a Podemos, poñendo en primeiro plano os conflitos entre eles, por mor dos debates sobre o reparto do poder nas listas. Todo isto coa intención de lles facer perder votos nas eleccións galegas. Deste xeito queren dar folgos á abstención e animar a base dos conservadores, xa que son partidos que serven ben os intereses das clases dominantes. Fano hoxe en prexuízo das Mareas, como antes o fixeron contra o BNG durante décadas, e especialmente nas eleccións de 2009, favorecendo a AGE. 

Coido que neste caso, os medios sistémicos teñen unha estratexia errada. Cando menos no curto prazo, xa que aos posíbeis votantes de esquerda preocúpalles máis a orientación política que as pelexas por saír na foto en Podemos ou nas Mareas. Iso non quere dicir que non podan perder folgos a respecto das xerais. Ante todo, porque cada elección ten a súa dinámica, e as galegas están en clave de país, polo que o efecto Podemos e Pablo Iglesias perden eficacia, máxime cando lles faltou iniciativa e propostas críbeis para arrebatarlle o Goberno a Rajoy. Por outra banda, non se pode esquecer, que a maioría do electorado procura que o seu voto teña unha tradución inmediata, o que favorece sempre as opcións que están mellor colocadas, e as Mareas estano, segundo as enquisas, nas eleccións galegas. Só as minorías máis politizadas pensan no longo prazo, na construción do cambio. Só a mobilización social, a confrontación, a forza da mensaxe cando recolle as inquedanzas das clases populares poden acelerar os procesos (ou os medios hexemónicos), e colocar en primeiro plano referentes que podan avanzar rapidamente no institucional.

Se analizamos as consecuencias do proceso pre-electoral e os resultados das primarias, sería un milagre que non deixase feridas, tanto nas Mareas como en Podemos. O único escenario que podería evitar o aumento da liorta sería un triunfo electoral que permitise un Goberno alternativo a Núñez Feijóo. Neste caso abriríanse expectativas de cambio político e de reparto de poder, que adiarían a confrontación dunha alianza tan complexa e táctica. Por canto tempo? Iso é máis difícil de contestar. En calquera caso, dependerá de se son as Mareas ou é o PSOE quen fica por diante, e polo tanto, quen acade a presidencia. A esta altura, este escenario non é seguro (aínda que sexa o mellor para as clases populares galegas), xa que teñen que traballar moito tanto as Mareas, como o PSOE e o BNG, para derrotar ao PP.

A maioría do electorado procura que o seu voto teña unha tradución inmediata, o que favorece sempre as opcións que están mellor colocadas

Agora ben, sexa cal for a composición do Parlamento galego e da Xunta para os vindeiros catro anos, o proceso de converxencia electoral entre as Mareas e Podemos, así como a confluencia política na primeira, deixan algunhas ensinanzas sobre as que cómpre tirar conclusións. A fracción nacionalista impuxo o partido instrumental de ámbito galego, mais o futuro grupo parlamentar vai ter maioría de forzas que relegan a un segundo plano a cuestión da soberanía, mesmo da identidade nacional, e esta correlación será a que lle marque contido ás tarefas institucionais, máxime con Beiras ausente. O que gañaron no proceso previo, perdérono con creces nas primarias. E non semella que exista ningún mecanismo para corrixir isto sen rachar a alianza. En poucas palabras, esta folla de ruta escollida para gañar aliados a prol da soberanía, seica fronte a postura “sectaria” do BNG, terminou supeditando unha parte do nacionalismo, mesmo no Parlamento galego, á dinámica e obxectivos da esquerda estatal. Como, por certo, xa sucede no Congreso español. 

Hai que recoñecer que a estratexia de Pablo Iglesias triunfou, xa que controla o partido instrumental das Mareas inventado polo sector nacionalista. Para que non fose así tería o sector crítico de Podemos que fundar unha forza de ámbito galego. Alguén coida que esta hipótese é críbel neste intre? Que Buitrón daría ese paso?... Se cadra non teño todos os elementos para valorar certas posturas políticas, porén coido, polo que leo e polo que vexo, que hai máis posibilidades de que Xulio Ferreiro, e os seus apoios máis próximos, aumenten a súa relación de dependencia das dinámicas estatais. Na práctica, este alcalde prefire frontes comúns con Madrid ou Barcelona, que con cidades galegas, incluíndo Pontevedra. Calquera pensaría que copia de Caballero en Vigo. Vese ledo nesta postura. Ademais, mesmo que Luís Villares quixese darlle unha tintura nacionalista ao grupo, que non parece, porque ate agora fai do concepto nacional un problema formal que non abonda para abanear a dependencia que o esmaga todo, o real é que Podemos, Esquerda Unida e Equo, terán a tixola polo mango. Ese é o resultado da aposta pola forza “mestiza”, o de dar alento con novas formas, linguaxe e actores á antiga subordinación da nación galega.

Hai que recoñecer que a estratexia de Pablo Iglesias triunfou, xa que controla o partido instrumental das Mareas inventado polo sector nacionalista

Tampouco se pode obviar, malia que non sexa o aspecto fundamental neste tema (aínda que a algúns lles serva como xustificación), que o sistema de primarias escollido favoreceu a Podemos, que tiña un censo maior de afiliados/as rexistrados en internet. Aínda que tanto nesta forza como nas Mareas é unha vía de participación en auxe, en Podemos forma parte da súa cultura política, malia que relega o activismo nas organizacións de masas e resta valor as reunións presenciais, privilexiando a comunicación na rede e o institucional. Se cadra as organizacións que forman parte das Mareas confiáronse, dado que a participación de votantes telemáticos baixou nos últimos meses en Podemos. Mais nas primarias recuperaron protagonismo, máxime cando o esforzo non é tan grande (5 minutos diante dun ordenador) e viron en perigo o papel do partido morado fronte ao sector nacionalista das Mareas. En calquera caso, o sucedido tamén obriga a reflexionar sobre como se deben realizar as primarias, sobre os dereitos e deberes da militancia e as diferencias entre estes é os/as simpatizantes. Tomar decisións terá que implicar certos compromisos na afiliación. Deixo eiquí o debate, que non é novo nin intranscendente. 

O sucedido tamén obriga a reflexionar sobre como se deben realizar as primarias, sobre os dereitos e deberes da militancia

Sen dúbida o acontecido dará lugar a moitos comentarios, especialmente na rede, mais isto de pouco serve se non permite a reflexión e tirar conclusións. Estou seguro que neste intre nas Mareas, a fracción nacionalista, aínda que sangue pola ferida, porá por diante a campaña electoral para as galegas. Mais a perda de peso é tan importante, e os erros no proceso tan evidentes, que os custes  son inevitábeis a medio prazo. O retroceso pon en cuestión a famosa mestizaxe, ou sexa, a política de alianzas coa esquerda estatalista, para alén do concreto, cando formaliza unha proposta común diante do povo de xeito continuado, ou sexa cando se escenifica como estratéxica (aínda que  despois se negue dende os partidos no discurso interno). Abonda con comparar os resultados obtidos da mestizaxe coa esquerda española, cos conseguidos mediante unha fronte de forzas nacionalistas galegas de esquerda. A praxe pon cada cousa no seu lugar. Este non é un aspecto menor, porque ten unha relación directa coa formación da conciencia, a acumulación política, a mobilización social, e o cambio real na correlación de forzas para avanzar na Galiza na xustiza social con soberanía. 

http://manuelmera.blogaliza.org/