Opinión

Refuxiados/as, aparencias e realidades

De nos guiar pola información dos medios teríamos que pensar que, para alén dalgúns poucos governos da UE e dos partidos xenófobos, toda a Unión Europea volveuse solidaria coas persoas refuxiadas.

De nos guiar pola información dos medios teríamos que pensar que, para alén dalgúns poucos governos da UE e dos partidos xenófobos, toda a Unión Europea volveuse solidaria coas persoas refuxiadas. Porén isto é máis aparencia que realidade. Malia que a masa de refuxiados proceden de diversos lugares, o principal continxente e a súa problemática humanitaria está centrada en Siria. Todo indica que a riada de refuxiados/as non é casual, xa que despois de anos de guerra, coincide coa escalada da OTAN en Siria (ou dalgúns dos estados integrados na alianza). Pretenderase crear alarma na sociedade europea para xustificar unha ocupación de zonas do país, como esixe Turquía? En calquera caso, para alén das hipóteses, a resposta que se lle está a dar a esta traxedia, ademais dun parche é discriminatoria e non ten en conta a paz e a reconstrución do país. 

Reducir o problema aos refuxiados/as que acolla a UE é unha solución parcial, xa que daría saída só a unha parte dos millóns que foron desprazados, mentres que a maioría seguirá nas mesmas ou peores condicións de precariedade nos campamentos dos países fronteirizos (preto de 4 millóns) ou no interior de Siria (máis de 7 millóns). Ademais, é unha resposta discriminatoria, xa que están a chegar á Unión Europea aqueles con mellor situación económica (que teñen medios para pagarlle ás mafias), idade, formación profesional, e que están en condicións físicas de realizar esta travesía. Atrás, fóra do foco dos medios e do interese da UE fican os máis pobres e necesitados, abandonados nos campamentos. Mesmo hai analistas, como Thierry Meyssan, do dixital Voltairenet.org, que cuestionan que a maioría dos que chegan na riada sexan refuxiados/as e que procedan de zonas de guerra. Afirma que os/as sirios apenas representan un 20% do total, e que a inmensa maioría son inmigrantes económicos dunha morea de países. Para alén do debate das porcentaxes, o certo é que os servizos de seguridade de Alemaña constataron que un 25% dos pasaportes sirios dos refuxiados son falsificacións. 

"Reducir o problema aos refuxiados/as que acolla a UE é unha solución parcial, xa que daría saída só a unha parte dos millóns que foron desprazados"

Asemade, o traslado masivo de refuxiados/as é unha resposta perversa, ao restar persoas imprescindíbeis para a reconstrución de Siria, xa que veñen para ficar, como recoñecen moitos analistas. E ademais deixa nun segundo plano, o fundamental: contribuír con todos os medios ao fin da guerra terminando coa orixe do desastre humanitario. E neste tema as potencias occidentais teñen unha enorme responsabilidade, xa que alentaron (e mesmo crearon) a oposición armada, e están asociados con países que fornecen de todo tipo de medios Al Qaeda e o Estado Islámico. Non son poucos os/as investigadores que denuncian que os bombardeos dos países da OTAN contra os grupos terroristas son máis espectáculo que realidade, tal como amosa a súa falta de efectividade, algo imposíbel de comprender cando son realizados cos medios militares máis avanzados do mundo. Tampouco é doado de entender que estes ataques non sexan consensuados nen comunicados ao Governo sirio. Todo amosa que o obxectivo principal é manterse sobre o terreo para, no momento oportuno, dar o golpe de graza a Assad e debilitar os curdos sirios, e poder así controlar o país. 

Como xa se dixo, resulta difícil de comprender a actual riada de refuxiados, así como que estea alentada e favorecida por Turquía e Alemaña (governados por partidos reaccionarios). Á razón para que sexa así, ademais da relacionada cun salto na intervención da guerra siria, hai quen engade o deterioro económico das áreas controladas por Assad, a pretensión do governo turco de diminuír a carga económica causada polos campamentos. Asemade, no caso de Alemaña semella que quere aproveitar a situación para converter os refuxiados en inmigrantes, e disfrazar os inmigrantes de refuxiados. Seica ten unha necesidade urxente de man de obra barata exterior (o paro é dun 4%), e quere evitar calquera polémica ao respecto. Daquela que Merkel anunciase reformas das normas sobre os/as refuxiados para facilitar unha reinterpretación do asilo. Nesta liña manifestouse o presidente da patronal Federación da Industria Alemá, Ulrich Grillo, valorando en 800 mil os traballadores estranxeiros necesarios. Resulta evidente que ambos colectivos, refuxiados e inmigrantes, malia se atopar en situacións ben distintas e que necesitan de respostas diferentes, estarán dispostos a aceptar calquera condición de traballo, mesmo a máis denigrante, e a superar todos os muros que atopen por diante, en vistas da situación na que se atopan e das perspectivas que coidan hai na UE. Tampouco se poden ignorar as repercusións que isto terá a medio prazo sobre o nivel de vida da clase traballadora alemá e europea. 

"Como xa se dixo, resulta difícil de comprender a actual riada de refuxiados, así como que estea alentada e favorecida por Turquía e Alemaña (governados por partidos reaccionarios)"

Lembremos que, co argumento da competencia dos BRICS e outros países exportadores (e como efecto dos tratados de libre comercio), a patronal e os governos europeos viñeron impoñendo recortes ás condicións laborais, prestacións sociais e baixando os impostos ás empresas así como a aqueles con ingresos persoais máis altos. Agora quérese reforzar esta tendencia aproveitando o drama da guerra en Siria e noutros países. Para a estratexia do capital é fundamental unha enorme man de obra de reserva, e un sindicalismo e unha esquerda desmobilizados e domesticados. A outra vía, solidaria a sustentábel, vai contra os seus intereses de clase. Esta debería ter como obxectivos: frear o proceso de globalización, dar folgos á transferencia de tecnoloxía e á axuda internacional,  rematar co intercambio desigual entre países, rematar coa explotación e opresión, redistribuír o traballo e a riqueza, e a democracia popular. Encol da globalización coido de interese ler o artigo do economista indio Prabhat Patnaik (http://resistir.info/patnaik/desligamento_30ago15.html).

Agora, como Alemaña perdeu todo control (momentáneo) sobre a riada de refuxiados/as, e medran as contradicións de intereses con outros países da UE, Merkel ameaza eses governos non solidarios con todo tipo de sancións, nun debate para a galería que fuxe máis unha vez da raíz do problema e de explicitar os intereses de fundo. O certo é que a ONU está cansa de pedir medios para manter dignamente os campamentos, sen conseguir até o momento a axuda para cubrir as necesidades mínimas (tendas, roupa, comida, saúde, ensino...). Por outra banda, os refuxiados/as sirios que están a chegar son os dos campamentos de Turquía, ignorando ou esquecendo os varios millóns que se atopan no Líbano e Xordania. Ademais, as ricas monarquías petroleiras da zona, metidas até o pescozo na guerra, non fixeron ningún aceno para dar acollida aos/as desprazados. Despois de alentar a riada de refuxiados e a migratoria, por intereses puramente económicos, agora péchanselle todas as fronteiras. Cada país empúrraos ao do lado, porque Alemaña e os estados do norte, que eran os que alentaban o proceso, limitan e peneiran as entradas. Un xogo perverso con persoas que foxen de situacións en moitos casos dramáticas, sexa por mor da guerra ou da pobreza. Unha situación que cuestiona o sistema, a perversidade das clases dominantes e as falsas solucións.

"Para a estratexia do capital é fundamental unha enorme man de obra de reserva, e un sindicalismo e unha esquerda desmobilizados e domesticados"

Os/as refuxiados espertaron un gran movemento solidario no mundo. Agora ben, para que este movemento solidario sirva á paz e ao povo sirio, e non a intereses imperialistas e mercantilistas, non pode ficar nunha actitude primaria, sentimental ou moralista. Cómpre esixir das Nacións Unidas, e moi especialmente por parte da OTAN, dos Estados Unidos e da Unión Europea, que deben: a) fornecer os campamentos de refuxiados/as, internos e externos, dos recursos necesarios para facilitar unha vida aceptábel aos residentes; b) acoller como refuxiados/as na Unión Europea, mentres dure o conflito, a todos/as aqueles que necesiten un tratamento especial que non podan recibir nos campamentos; c) apoiar con sinceridade as propostas de saída negociada do conflito armado; d) bloquear toda axuda ás organizacións terroristas como o estado Islámico e Al Nusra (Al Qaeda), e apoiar o Governo sirio na loita contra estes grupos; e) obrigar a que rematen as intervencións aéreas de Israel contra o exército sirio. 

"Agora ben, para que este movemento solidario sirva á paz e ao povo sirio, e non a intereses imperialistas e mercantilistas, non pode ficar nunha actitude primaria, sentimental ou moralista"

Por último, dous datos importantes. É verdade que as forzas da oposición controlan a maior parte do territorio sirio, porén en boa medida esta é a área desértica ou semidesértica. Calcúlase que nestas zonas só vive hoxe un 5% da povoación, e outro 15% mora nos campamentos dos países fronteirizos. Ou sexa: a inmensa maioría dos habitantes viven nas zonas controladas polo Governo. Isto ten un enorme valor político e militar, mais tamén custes económicos e sociais. A outra cuestión a ter en consideración, porque reflicte o cinismo dalgúns governantes, e cales son as alianzas reais, é que os opositores feridos, tamén os de Al Nusra (Al Qaeda) e do Estado Islámico, son atendidos en hospitais de Turquía e Israel.

Para ter unha visión distinta da que machucan acotío os medios de comunicación hexemónicos, encol do que acontece en Siria e da outra cara da cuestión dos/as refuxiados, coido de interese que o público lector vexa na canle de televisión RT a entrevista ao presidente Assad: http://actualidad.rt.com/actualidad/186030-entrevista-presidente-sirio-bashar-assad-version-completa

http://manuelmera.blogaliza.org/