Opinión

Renuncia “en diferido” dun deputado “exemplar”

Calquera persoa pode deixar un cargo público cando o desexe, xa que este se exerce polo desexo do interesado/da; outro tanto pasa coa militancia nun partido, sindicato ou organización social. Non son prisións ou campos de concentración, nen sequera é o servizo militar obrigatorio. Por iso, cando David Fernández Calviño, deputado de AGE, anunciou que ía renunciar, a única conclusión que se podía tirar é que se trataba dunha decisión persoal, para alén de cal fose o motivo e a nosa valoración da súa actividade no Parlamento Galego, e teríamos procedido do mesmo xeito (ou non). Ate eiquí todo normal. 

Calquera persoa pode deixar un cargo público cando o desexe, xa que este se exerce polo desexo do interesado/da; outro tanto pasa coa militancia nun partido, sindicato ou organización social. Non son prisións ou campos de concentración, nen sequera é o servizo militar obrigatorio. Por iso, cando David Fernández Calviño, deputado de AGE, anunciou que ía renunciar, a única conclusión que se podía tirar é que se trataba dunha decisión persoal, para alén de cal fose o motivo e a nosa valoración da súa actividade no Parlamento Galego, e teríamos procedido do mesmo xeito (ou non). Ate eiquí todo normal. 

"Deixar un cargo público relevante para aceptar unha oferta profesional, nunha Universidade en Dinamarca,  é unha opción lexitima, mais non é precisamente un exemplo de entrega á causa nacionalista"

A sorpresa foi que dese como argumento, que o facía porque non quere ser un político profesional e porque o Parlamento galego valía para ben pouca cousa. Son opinións que, aínda podendo ter algunha base, non se poden formular tan á lixeira, máxime se quen as fai se presentou ás eleccións hai só un ano e aínda fixo tan pouco na Cámara, a menos que non fose consciente do tipo de tarefas que implicaba e das eivas da institución. Se fose deste xeito resultaría moi grave, porque amosaría que carecía da preparación política necesaria. Non penso que sexa o caso. Ademais, deixar un cargo público relevante para aceptar unha oferta profesional, nunha Universidade en Dinamarca,  é unha opción lexitima, mais non é precisamente un exemplo de entrega á causa nacionalista (que afirma defender), por máis que se queira adornar e se lle dean mil voltas. O exemplar sería o contrario, unha plena adicación para construír o poder popular e liberar esta nación colonizada, como deputado ou afiliado/a de base, como fai tanta xente no nacionalismo, militando en partidos, sindicatos e organizacións sociais e culturais (mesmo obtendo ingresos moito máis baixos que os dun deputado, ou facendo un esforzo extra como voluntario, despois de traballar todo o día nunha empresa, non poucas veces en condicións moi duras e precarias a cambio dun salario baixísimo). 

Non todos e todas os nacionalistas teñen porque estar na primeira liña, nen porque facelo na actividade política, social ou cultural. Este é un contrato persoal que dura o tempo e período que cada un quer ou está en condicións de ceder. O que non se debe é facer virtude das nosas teimas, feblezas ou limitacións persoais, como pretendeu Fernández Calviño cando xustificou a súa dimisión. Non vale o argumento de que vai obter un menor salario en Dinamarca, porque a cuestión é, que non o fai coa finalidade de aportar unha maior entrega na defensa dos intereses sociais e nacionais de Galiza. Terá o seus motivos para axer deste xeito, que non veñen ao caso porque é evidente que non teñen relación coa súa actividade política. Ademais, se lle parecía moi elevado o salario de deputado podía doar unha parte. 

"Se Fernández Calviño mantén o cargo de deputado, e concelleiro en Toen, vivindo en Dinamarca estaría realizando unha fraude aos electores que depositaron a súa confianza nel e nas listas das que formaba parte"

Como se a xustificación non fose abondo espesa, resulta que agora a dimisión non se fai efectiva, porque a segunda na lista por Ourense non renuncia para que entre a terceira (que tamén é de Anova), xa que seica sería a quen lle corresponde ocupar o cargo polos acordos entre Anova e EU. Non vou entrar na lea que se montou neste relevo, e se existían ou non eses acordos con antelación ao anuncio da dimisión, xa que é unha cuestión interna desa coalición. Porén non deixa de ser contraditorio que o deputado que tiña tanta presa en deixar o Parlamento, porque seica vale pouco como institución e ademais non quere seguir vivindo da política, agora aguante no cargo ate que se solucione o conflito polo relevo. Para alén do que dure esta situación, o esencial desta actitude é que reflicte que o posto no Parlamento importa, ben sexa polos cartos ou porque dá xogo na loita política, ou por ambas as razóns. Entón, para que tanta leria acusando os demais de profesionais da política (sen facer distincións), poñéndose como exemplo dos que non queren vivir dela, e toda aquela escenificación ácrata, aplaudida polos seus compañeiros de partido, e por suposto por sectores da ultradereita ideolóxica aos que lles sobran esas institucións. 

Agora ben, non se pode pasar por alto, que se Fernández Calviño mantén o cargo de deputado, e concelleiro en Toen, vivindo en Dinamarca estaría realizando unha fraude aos electores que depositaron a súa confianza nel e nas listas das que formaba parte. Ningún cargo público pode cumprir con eficiencia e entrega as súas funcións vivindo a 2.000 quilómetros do distrito electoral. A menos que se pretenda reducir as súas funcións a vir votar nos plenos, sen lle adicar o tempo necesario a estudar os temas e contactar cos cidadáns. Daquela non cumpriría coas obrigacións dun cargo institucional, tanto sexa no Parlamento Galego como no concello de Toen (sobre isto último non di ren, mais non deixa de seren un caso semellante). Que diríamos se fixese isto un deputado ou concelleiro da dereita? Non é unha actitude exemplar nen por suposto que permita dar leccións de ética política. Non sería este o comportamento máis ilustrativo do que podemos chamar un profesional da política? Son feitos concretos dos que David Fernández Calviño e AGE deberían tirar ensinanzas e corrixir. Non vale todo. E tampouco abonda con encher o discurso de palabras bonitas, para acadar bos resultados electorais, sen ter en consideración que despois hai que levalas á práctica con coherencia, e nese intre é cando agroman as eivas, que non sempre están nos demais. 

http://manuelmera.blogaliza.org/