Opinión

O que está en xogo en Siria

Todo indica que o mundo está diante dunha conxuntura na que se disputa duramente a correlación de forzas das próximas décadas. Un conflito entre o imperialismo dos Estados Unidos, potencias e países subordinados, por unha banda, e por outro lado as novas potencias emerxentes, especialmente Rusia e China. Unha confrontación que se dá no eido económico, das comunicacións e das finanzas, mais sobre todo no campo militar. A disputa en Siria vai para alén dun conflito local ou rexional. É un enfrontamento mundial, no que se empregan as armas máis sofisticadas, agás as nucleares, e os medios de información para gañar a complicidade das xentes do planeta.

Quérese condicionar os resultados militares coa loita no plano das ideas, especialmente por parte de Washington e aliados, que teñen un inmenso dominio sobre a información. Só importan as vítimas da guerra cando son parte dun dos escenarios. Ás veces son reais, mais outras son recollidas doutro contexto ou momento, para provocar sensacións, frear o contrario cando este vai gañando, ou poñelo contra as cordas cando se lle ve dubitativo. Estas campañas fanse polos mesmos que bombardean con drones en Afganistán, Paquistán, Libia, Iemen, e outros países, masacrando xentes indefensas, polos que manteñen presas persoas máis dunha década en Guantánamo sen acusación formal. Puro cinismo dunha democracia nas formas, mais carente de contidos e participación real do povo. É o imperio do mal, do capitalismo salvaxe dos donos do poder, deses que teñen medios e capacidade para facer outra cousa se tivesen vontade, mais que viven cegados pola cobiza.

En Siria hai unha guerra, con todo o que iso significa: mortos/as, feridos/as, desprazados/as, cidades, povos e infraestruturas desfeitos. Levará anos reconstruílos. Non se di nos medios que os grandes desprazamentos producíronse nas zonas ocupadas pola oposición armada; millóns de persoas no interior e exterior do país. Só circunstancialmente faise mención ás condicións de vida dos que quedan. Assad, e o seu pai antes ca el, non son un exemplo de democracia. Mais Siria, en comparanza con todos os países do seu entorno era o máis avanzado. Non se pode obviar que tomou medidas de liberalización da economía, as mesmas que Occidente predica como necesarias e que non cuestiona, que foron regresivas para as condicións de vida de sectores importantes da povoación, máxime cando coincidiron cunha dura seca en certas zonas do país. Lembremos que Siria tiña un amplo sector de economía estatificado, produto das posturas socialistas do Partido Baas, do que o sirio era a versión máis de esquerda fronte á fracción iraquí (o que non impediu que reprimise tamén os comunistas). Agora ben, como ignorar que na democrática UE goberna unha Comisión que non pasou por eleccións, que o sistema monetario está en mans dun burócrata que non rende contas ante ningún organismo electo pola povoación. Na UE manda a ditadura do diñeiro. Convén lembralo.

O que resulta evidente é que a guerra en Siria foi alentada polo imperialismo norteamericano e os seus aliados, tanto rexionais como europeos, aproveitando as contradicións internas. A pretensión é controlar Oriente Medio, e como consecuencia a enerxía, un recurso esencial. E tamén unha zona estratéxica no aspecto militar, pola súa situación xeográfica, que garante a preponderancia militar de Israel, o portaavións dos Estados Unidos na zona. Ese é o motivo que impide a paz, xa que esta debe ir precedida pola derrota de Assad e do partido Baas. Tampouco se pode ignorar que unha gran parte das tropas da oposición son mercenarios estranxeiros. Pagados, adestrados e armados por países como Arabia Saudita, Catar e Turquía. Un comandante de Al Nusra declaraba recentemente, nunha entrevista a un medio alemán, que contaban co apoio dos Estados Unidos.

En fin, estas son cuestións que seguramente ten presentes o lector/a. O que coido necesario neste intre, ademais de refrescalas, é destacar que o tempo das ambigüidades está a rematar. A toma de Alepo leste polo exército vese próxima, e isto sería un cambio importante na correlación de forzas militar e política no interno. E todo indica que foi o que acelerou que se queira tomar axiña Mosul, en Iraq, como compensación. Para esta tarefa, o Pentágono acaba de enviar 600 “asesores” máis. Asemade, a concentración de barcos de guerra no Mediterráneo oriental é a maior desde hai décadas, e o envío por Rusia de mísiles terra-aire S-300 e S-400 a Siria é unha seria advertencia aos Estados Unidos. Por se non abondase, todos os acordos anteriores e a reunión de Lausana para conseguir unha solución política terminaron en fracaso. Washington segue apostando pola forza, por non ceder en nada, e polo tanto por colocar a negociación en vía morta. Só procurou gañar tempo para reagrupar e rearmar os grupos da oposición

Son varias as preguntas pertinentes. Estará condicionada a postura norteamericana polas eleccións á presidencia a principios de novembro? En caso de que sexa así, non se estará correndo o gran perigo de que a espiral militar se lles vaia das mans e non teña volta atrás? O que parece certo a esta altura, é que Obama non vai recoñecer a existencia dun mundo multipolar, cando non o fixo antes, nen renunciar a considerar os demais países como subordinados. É difícil que no futuro o mude Clinton, tendo en conta os seus antecedentes e as afirmacións belicistas na campaña. Aínda que non sería a primeira vez que no poder as persoas cambian, xa que as responsabilidades son maiores e ás veces non hai alternativas, e neste caso falamos do perigo nuclear. De Trump non é sinxelo facer un prognostico, aínda que debería ser máis doado porque pon o acento no desenvolvemento interno. Eva Golinger valora que ambos realizan un show electoral: “un é un bruto e outra un falcón”. Os escenarios futuros debuxan confrontación, guerras, desigualdade e migracións masivas. En Siria, xógase moito do futuro do capitalismo, e da humanidade. Neste intre, xa non é unha guerra máis.

http://manuelmera.blogaliza.org/