Opinión

Comentaristas

Co permiso da directora e a benevolencia de quen ler, voume converter hoxe en comentarista dos idem, dos comentaristas ou opinantes dos artigos deste diario. Vaia por diante que é moito de agradecer a leitura atenta que deles se fai, o que demostra que teñen un interese que vai para alén da preocupación individual de quen os escrebe. É certo que ás veces –aproveitando que o Miño pasa por Lugo–  lemos depoimentos que pouco teñen a ver co motivo ou tema desenvolvido, mais, en todo caso, reitero, cómpre estimar en todo o que vale a glosa que merece o que aquí publicamos. O meu último artigo suscitou, por parte de "Eucaliptos nom, RAG tampouco, e espanha ainda menos", un comentario concordante cunha miña afirmación mais que axiña fica pontualizado por: "O que não compreendo é como se pode definir uma pessoa coma reintegracionista, e usar a grafia espanhola. Não é isto construir a casa polo telhado? Pessoalmente acho as incoerências algo destestável. O movimento demostra-se ao andar". Como non sei a quen se corresponde tan longo pseudónimo, dirixireime á / ao meu amábel comunicante para lle retrucar o seguinte. Estou certa de que o considerará coa debida atención, como eu o seu comentario.

Declárome reintegracionista, si, señor (ou señora), nunha dupla dimensión: a de defender a reintegración no idioma nativo e nacional da Galiza, o galego, de todos os castellano-falantes, ben que, igualmente, a reintegración plena dos galego-falantes iniciais nunha lingua completa e sen restricións diglósicas; e, de por parte, reintegracionista, asemade, na consideración de pertenza do galego ao sistema galego-portugués, de que é non só membro nato senón membro fundador. Xenética e tipoloxicamentemente, ambos son variantes da mesma lingua ou macrolingua. En sendo variantes (como o portugués do Brasil ou doutras partes do mundo), teñen variedades xenuínas, non desprecíbeis ou ignorábeis. O caso é o intercoñecemento, a interrelación, a comunicación fluída entre todas elas.

Por ambas "reintegracións" levo batallando toda a vida, que xa non é pouca. Xa hai moitos anos que definín a lusofobia como o correlato da galegofobia. Xa foi moito atrás no século pasado cando programei o único ciclo de cinema brasileiro que tivo lugar na Coruña, mercé á boa relación coa Casa do Brasil facilitada pola prof. Pilar Vázquez Cuesta. Nun dos meus últimos libros (como noutros anteriores), dedicado a Carvalho Calero, hai un capítulo íntegro en portugués, tal e como foi proferido e publicado na Universidade de Coimbra: cabe máis afirmación fáctica da unidade da lingua que así apareza nun libro non polilingüe senón monolingüe galego?

A ou o comunicante incorre na confección dun siloxismo falso, que me lembra o exemplo dos meus anos escolares: Premisa maior: cando chove, móllanse as rúas. Premisa menor: as rúas están molladas. Conclusión: hoxe choveu. As premisas, verdadeiras; a conclusión, incorrecta: poden estar molladas por teren sido regadas. Da confisionalidade reintegracionista non decorre a fortiori a práctica de determinada ortografía. Si, en troca, o interese por, aquí, na Galiza, podermos ler e ouvir textos (no sentido máis amplo do termo) en portugués de Portugal ou de calquer outro lugar lusófono do planeta (e viceversa para o galego). Nesta necesidade e neste afán, este diario é mesmamente exemplar: fai camiño ao andar, efectivamente. Cordialmente, para todas-os que leren.

Comentarios