Opinión

Eventos deportivos

A pasada fin de semana encheuse de eventos deportivos: o omnipresente e abafante fútbol, o tenis, e "La velada del año". Todos eles compartiron as mesmas constantes: a masculinidade, a exaltación da "españolidade" e unha visión do éxito que cada vez se fai máis empobrecedora.

Se comezamos polo fútbol, sería interesante saber a correlación que existe entre o incremento da violencia de xénero e os partidos da selección española. En Inglaterra si fixeron esta análise e saben que cando a selección inglesa xoga hai un 26% máis de casos que sobe a un 38% se perde. Son estas cifras oficiais que amosan a exaltación da masculinidade tóxica que non é culpa nin do fútbol como deporte, nin do alcohol, nin da decepción da perda senón unicamente da permisividade social cos agresores.
No tenis, abonda ver Wimbledon cos seus traxes, entradas impagables e a realeza a ocupar balcóns para saber a que clase social se dirixe o evento.

E logo está iso que chaman "La velada del año", un espectáculo que atrae a miles de persoas nun modelo circense que nada ten que ver co boxeo. A "graza" é ver influencers e streamers xogando a ser boxeadores (e algunha boxeadora), chufando durante meses dos medios que teñen para prepararse e que están fóra do alcance de calquera boxeadora olímpica e/ou profesional. Resulta especialmente lamentable que un deporte tan duro e complexo coma o boxeo, tan estigmatizado socialmente, se use para exaltar algo tan antagónico á súa esencia.

Oxalá os cartos e a atención de todos estes eventos, aínda que fose unha mínima porcentaxe, se investise no deporte de base. Penso nos clubs de boxeo galegos que con moita inventiva e mínimos medios organizan encontros, sobre todo aqueles que inclúen rapazada, como o da pasada fin de semana en La Vieja Escuela de Vigo, organizado polo noso compañeiro Richi Herrero. Un día para rapaces e rapazas (o 40 % dos combates foron de mozas) a quen socialmente, por orixe, clase social ou diversidade corporal se presta moi pouca atención en positivo. As súas familias, os compañeiros e compañeiras dos ximnasios, os equipos de adestramento, todo o mundo traballa para que elas e eles poidan ser protagonistas, para que demostren o que saben e para que aprendan, sobre todo, que a rival é sempre unha compañeira, que o importante é o respecto e o traballo. Nun mundo de tanta aparencia, eu quédome co traballo verdadeiro dun deporte que crea comunidade.

Comentarios