Opinión

O silencio

Dende hai tempo nos feminismos falamos da invisibilidade e das súas consecuencias, da importancia de sacar á luz a violencia que se dá no privado e no público contra as mulleres como unha vía para erradicala.

Mais agora que somos quen de contabilizar os asasinatos, de nomear diferentes tipos de violencia, é máis importante que nunca analizar os silencios que aínda perviven.

Estas últimas semanas producíronse asasinatos por violencia vicaria, de mozas por acosadores, a malleira brutal a unha adolescente, a violación dunha menor en Lalín, o acoso sexual na universidade en Lisboa... que saibamos polos medios.

Chama a atención o moito interese que estes teñen en falar coa veciñanza para dicir que os asasinos eran "boa xente" e o pouco que teñen en dar voz ás mulleres que foron maltratadas, acosadas ou agredidas por estes homes con anterioridade. Moi ao contrario do que se difunde, as mulleres vítimas de violencia rara vez queren "acusar un home para tirar proveito" (de que?) ou "para arruinalo". Este tipo de discurso únese ao medo que a situación de violencia produce, ao desequilibrio emocional extremo e ao feito de que, as que saímos, en xeral queremos vivir en paz, o cal implica afastarse o máximo daqueles homes que se comportaron de forma violenta cara a nosoutras.

Ademais, as mulleres somos as primeiras en sermos adoutrinadas no silencio, en calar o que nos aconteceu porque sabemos que falar ten moitas consecuencias a todos os niveis e precisamente a fraxilidade que provoca o acoso, a violación, o maltrato, non deixa a unha en situación de arrepoñerse a un discurso que se nos inocula a través de todas as vías. Afacémonos, a través dos actos máis pequenos, como por exemplo, por falar da creación literaria e fílmica, a ver o mundo a través dos ollos dos homes e a empatizar con eles antes que con outras mulleres. Isto é un alicerce fundamental da violencia, por iso a insistencia das autoras e críticas feministas en cambiar a ollada, en dar voz ás creadoras.

Porque, ao final, todo isto fai que cumpra moito valor para erguer a voz, como fixeron nesta semana adolescentes que foran acosadas polo asasino de Oviedo ou a moza anterior do home que bateu nunha adolescente en Andalucía. Sabemos que, malia a todo, as mulleres falamos, advertimos, exhortamos. Mais, alguén escoita? Semella que a sociedade enteira ten os medios para mirar, mais non ten aínda a coraxe de escoitar e de actuar.

Comentarios