Opinión

O Celta leva de San Mamés un cachiño de historia

Probablemente no guión da historia do novo (inacabado) San Mamés non estaba que o equipo local acabase o primeiro partido perdendo e deixando a afección zurigorri con cara de “home, hoxe non”.

 

Probablemente no guión da historia do novo (inacabado) San Mamés non estaba que o equipo local acabase o primeiro partido perdendo e deixando a afección zurigorri con cara de “home, hoxe non”. Así que, os leóns empregáronse a fondo e conseguiron unha victoria, máis por méritos históricos, que por futbolísticos. O Celta, pola súa banda, tampouco mereceu saír de San Mamés cos tres puntos, porén o empate tería sido un resultado óptimo para dous equipos que son un bon reflexo do estadio que acolleu o encontro.

Os tres (Athlectic, Celta e San Mamés) emocionan, teñen a afección namorada, semellan impolutos e con toques espectaculares, pero aos tres fáltalles unha pata para non coxear en determinadas posicións. O Celta, a pesar do carácter ofensivo do equipo e que nunca dá un balón por perdido, segue a ter fallos infantís que lle están a custar goles 'parvos'. Porén, a pesar do resultado, o Celta tamén leva de San Mamés un cachiño de historia ao ser Charles o primeiro xogador en marcar un gol na renovada catedral do fútbol.

Os tres (Athletic, Celta e San Mamés) emocionan, teñen a afección namorada, semellan impolutos e con toques espectaculares

Aínda que así as penas son menos, o certo é que onte chegou a primeira derrota celeste. Iso si, necesaria para que o equipo non afunda nun mar de eloxios que moito teñen de perigosos e nada de produtivos. Así é todo, os puntos positivos deste novo Celta continúan a ser moitos e, semana tras semana, os xogadores 'made in A Madroa', da man de Luis Enrique, continúan a darlle a afección ledicia tras ledicia.

Se a xornada pasada foi un rapaz de 18 anos o que debutaba en Balaídos en Primeira cunha actuación máis que notable, onte foi Santi Mina, o goleador das categorías inferiores do Celta, o que lle alegrou a descafeinada noite aos afeccionados celetes, marcando o seu primeiro gol en Primeira División e converténdose ademais nun dos xogadores máis novos en bater o marco contrario na máxima categoría.

Ademais, a progresión de Charles segue sumando positividade, xa que, embora ser un debutante na Primeira e de fallar o penalti, non perde o seu instinto goleador e con tres dianas en catro partidos apunta a grandes números. Por último, o Celta remata unha xornada máis marcando. Os goles, esa carencia que case nos leva o ano pasado a chorar lágrimas amargas, semellan este ano asegurados.

Comentarios