Opinión

Dr. Jekyll e Mr. Hyde versión celeste

Robert Louis Stevenson ben podería ter sido o guionista do partido que onte enfrontou ao Celta co Betis no Benito Villamarín.

 

Robert Louis Stevenson ben podería ter sido o guionista do partido que onte enfrontou ao Celta co Betis no Benito Villamarín. 

"Os celestes sairon ao campo sen ideas e aos que o Betis foi quen de neutralizar especialmente pola banda esquerda cun Toni sen acerto defensivo"

Encontro raro que nos amosou a peor e a mellor cara dun Celta que foi quen de saír victorioso nun partido lonxe de Balaídos, cousa pouco común nos costumes celtiñas na pasada tempada. A primeira mitade do partido o Celta adoptou a apariencia de Mr. Hyde e converteuse nun equipo capaz de nada, desastre tras desastre e erro tras erro permitiulle a un Betis sen sorte achegarse á portería dun sobresaliente Yoel con demasiada facilidade. Os celestes sairon ao campo sen ideas e aos que o Betis foi quen de neutralizar especialmente pola banda esquerda cun Toni sen acerto defensivo. Tampouco foi a noite de Michael Krohn Delhi, o danés case non apareceu no partido e cando o fixo non contribuiu a mellorar a espiral negativa na que estaba metido o equipo. Pero ainda así, máis polos fallos verdibrancos e os acertos de Yoel, que polo bo xogo defensivo do equipo vigues, o encontro chegou ao descanso cun 0-0 no marcador que sabía case case a vitoria.

"Co resultado a favor volveron a aparacer os demos e, tras o gol do Betis e a expulsión do capitán Borja Oubiña, o equipo tivo que sufrir até o asubio final"

E así, tras 15 minutos de descanso o Dr. Jekyll saiu a escena e o Celta fixo ben todo o que fixera mal na primeira metade. Contou con ocasións de gol cantadas como fixera o Betis na primeira metade pero foi un equipo máis alegre e, sobre todo, conseguiu facer o seu xogo e chegar á área rival con perigo. O equipo totalmente transformado mentalmente deixou ao Betis fóra de xogo e adiantouse no marcador cun gol de Charles que confirma á candidatura do brasileiro para dar a batalla na taboa de goleadores. Xa leva dous goles en dous partidos no seu debut en Primeira división. Ademais de Charles, Nolito, outra das caras novas do Celta, non defraudou e puxo o 0-2 no marcador, resultado impensable tan só 45 minutos antes. Co resultado a favor volveron a aparacer os demos e, tras o gol do Betis e a expulsión do capitán Borja Oubiña, o equipo tivo que sufrir até o asubio final do árbitro para manter un resultado que os alonxa felizmente da parte baixa.

A nota positiva do encontro, alén do resultado, foi comprobar que o Celta pode gañar os partidos cando se poñen costa arriba e sen brillar, deixando a un lado o 'jogo bonito' e poñendo o traxe de obra. Ao final, o importante son os tres puntos que viaxan cara a Vigo. Tempo haberá de mellorar o xogo e de aclarar as ideas. De seguro que con tres puntos no peto todo se fai máis alegremente.

Comentarios