Opinión

Volta ao "cole" futbolístico

Sempre é un gusto voltar ás rutinas do fútbol. A poñer a camisola ben lavadiña e pasada polo ferro despois do descanso estival.

Sempre é un gusto voltar ás rutinas do fútbol. A poñer a camisola ben lavadiña e pasada polo ferro despois do descanso estival. A cargar a zamarra de ilusións e soñar con títulos (cada vez máis imposibles). A afinar os pulmóns para a primeira proba da temporada e a, en definitiva, voltar ao cole futbolístico e comentar cos compañeiros de grada como pinta tal xogador e que se agarda deste outro. Se Charles agasallará á parroquia celeste con goliños 'a encher', se Rafinha rememorará as grandes tardes do noso ben querido Mazinho, se Nolito continuará en Vigo o seu bo ano en Granada, se Toni será finalmente o lateral esquerdo desexado, se este será o ano David Rodríguez, se Fontás e Cabral farán que non botemos de menos a Andrés Túñez... Se, se, se...

Tamén é bonito voltar a reencontrarse cos cenizos e agoreiros. Eles son a salsa picante e machacona do fútbol

Na grada, como no campo, tamén temos fichaxes novas que xa analizan o estilo 'luisenrique' e, como non podía ser menos en Balaídos, lle atopan fisuras por todas as partes. Goles si, xogo tamén, pero nunca están os 'balaidistas' a gusto de todo. E eso tamén é bonito, voltar a reencontrarse cos cenizos e agoreiros. Eles son a salsa picante e machacona do fútbol. Pero sen eles, non hai fútbol. O que segue incorrupto é o amor profesado ao cadro arbitral, é un acougo saber que tanto o árbitro como o linier seguen estando faltos de vista e que, ainda que animais hai moitos, eles son os máis queridos “burros” da recua.

Despois pasan os 90 minutos e quedas case coas mesmas dúbidas que ao principio. Consciente de que á gorxa, como ao equipo, aínda lle queda moito que entrenar até estar a altura, o camiño de volta a casa é un rosario de silencios no que un mesmo analiza e volve analizar os cambios tácticos necesarios para evitar que che remonten un partido case sentenciado. Ao final, o resultado, como a carraspeira, son o de menos, o importante e tomar as medidas necesarias para evitar un desacougo tal. Aínda así, as ilusións seguen intactas e o dos títulos parece tan lonxano como ao comezo. Só queda esperar que pasen rápido estes sete días para confirmar os mellores desexos e botar fóra os peores agoiros.

Comentarios