Opinión

Incendiar o planeta

Escribe Platón en Critias, último dos seus Diálogos: "En comparación co que había daquela, o de agora ficou como os ósos dun corpo enfermo, pois erosionada a parte grosa e mol da terra, só ficou o corpo pelado da rexión (Ática)". Continúa Platón describindo as grandes fragas, a auga de Zeus que se almacenaba na terra, enchendo ríos e mananciais, sen perderse ao fluír polo chan espido ao mar. A palabra que usariamos agora para describir este catastrófico proceso é "desertización", mais non existía no século IV antes da nosa era.

Só a arrogancia de quen se cre invulnerábel, só a cobiza de quen coloca os seus beneficios económicos a curto prazo por riba do futuro do planeta pode levar a desoír os unánimes chamamentos da comunidade científica: Auxilios, auxilios! Salvemos a Terra!, claman o Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático, as científicas e científicos; Pra o peto!, retrucan as empresas enerxéticas –acertadamente denominadas por Otero Pedrayo feudalismo eléctrico– empeñadas en mangonear por riba de gobernos escollidos nas urnas.

Esquecen a historia: Mesopotamia foi un verxel, nela, entre os ríos Tigris e Éufrates, situábase o paraíso. A sobreexplotación dos ríos e acuíferos converteuna nun deserto. En Mesopotamia utilizouse por vez primeira a roda para o transporte; se se deixou de usar entre o século I e o XX, substituíndoa por camelos, non foi por esquecemento senón por ser inútiles nas areas dos desertos. Grecia, Mesopotamia, o Norte de África onde cidades como Timgad ficaron soterradas na area, en América central a desfeita ecolóxica colapsou a civilización Maia. Signos que non queren ler, advertencias que deberían causar alarma.

É urxente unha mudanza radical, abandonar os combustíbeis fósiles. O aumento do CO2 está incendiando o planeta, e infortunadamente isto non é unha metáfora. Os retrasos en tomar medidas para a autonomía enerxética de Europa están na orixe de decisións como etiquetar de "verdes" o gas e a enerxía nuclear. A etiqueta non vai cambiar a súa natureza. Ademais de promover as fontes renovábeis cómpre reducir o uso de enerxía, mudar estilos de vida, o que comporta sacrificios. Cómpren tamén medidas económicas en beneficio de Galicia que produce e exporta enerxía.

A Terra é, como se laiaba Platón de Grecia, un corpo enfermo, doente. A escolla é entre coidalo ou abandonalo até se converter nun corpo morto. Para a Terra volver a ser fermosa temos pouco tempo.

Comentarios