Opinión

Lousas contra o ceo

A paisaxe somos nós e cando sangra é o noso sangue o vertido.

Porén a paisaxe, como as rochas, non ten voz ou talvez é que perdemos a capacidade de escoitala. Daquela precisa de quen poña voz en imaxes á violencia exercida contra ela. Xacobe Meléndrez Fassbender, activista ambiental, fotógrafo, artista audiovisual, tomou sobre si esa tarefa. Agradézolle que liberase a curta –apenas tres minutos– que dá título a esta columna, "Lousas contra o ceo" . As imaxes son tan estremecedoras que non precisan voz narradora; a música de Bach é o pano de fondo. Desde a idílica vista da Ermida de San Cosme e San Damián, a cámara lévanos nunha viaxe a través da montaña ferida polas louseiras en Carballeda de Valdeorras.

Máis perigosa que a crenza en que as rochas non teñen voz é a idea de que podemos maltraelas, de que ningunha violencia por enorme que sexa ferirá as inmutábeis montañas. Nada máis falso, é esta unha idea que intentei refutar no meu discurso de ingreso na RAG. Tallar carballos –como fixo o Cardeal Payá, destrutor da carballeira de Conxo, do que se entende mal que aínda non fose retirado do rueiro de Compostela– é un acto de barbarie, mais nuns douscentos anos poderiamos telos de novo. Arrasar montes con canteiras non é recuperábel a escala da vida humana: rochas e montañas demoran en se formar millóns de anos, no que chamamos tempo xeolóxico, tempo cósmico para Otero Pedrayo.

O espolio da lousa non beneficia ao país: poucos postos de traballo, empresas que xa non son as familiares do inicio, senón fondos internacionais, algúns citados ao final do vídeo. A calidade da lousa galega é excepcional, mais a forma de extracción a ceo aberto non respecta a súa conservación: aprovéitase o 4% e o 96% convértese en moreas de entullo como o que verte o camión do vídeo, semellante a chapapote sobre a branca neve. Os métodos de extracción subterránea empregados, por exemplo, en Bretaña son máis eficientes e menos agresivos para a paisaxe. Cando primarán os criterios ambientais sobre os intereses das multinacionais?
No corazón dese caos, na antiga escola de Casaio, Elba, educadora ambiental, e Pedro, fillo de mineiro con silicose –como tantos–, abriron o albergue e centro de educación ambiental "Eco dos teixos", a pouca distancia do Teixadal de Casaio. En Carballeda, Amancio, o pastor, mantén rabaño e carnicería en Casaio. Con xente coma eles que fixan poboación hai esperanza.

Comentarios