Opinión

Máis alá do deporte

Son desas persoas que, cada catro anos, collen praza diante da tele para asistir ás olimpíadas. Así que este ano non podía faltar. Dentro do salón da miña casa, cos cans e a parella, berrei para apoiar Rebeca Andrade ou Julien Alfred. Aplaudín a Teresa Portela, chorei con Belén Toimil ou cabreeime con Adrián Ben.

Evidentemente, as e os galegos son os meus deportistas predilectos, mais onde eles faltan, Portugal, Brasil e pequenos estados cos que ninguén conta rouban a miña admiración. Fártame o usapapanatismo, esa admiración incondicional polos estadounidenses que obnubila comentaristas e realizadores até o punto de non ver os erros que cometen e que fai que nos estean falando sempre dos seus logros e capacidades. É certo que USA conta con moitos deportistas de elite (proporcionalmente é agardábel), mais tamén que a súa maquinaria económica colabora co interese político de ser os mellores, ter máis medallas, gañar en máis disciplinas. A súa estratexia é liderar o mundo, en calquera dos seus ámbitos. Así que invisten e tamén cooptan. E censuran aqueles que, coma Duplantis, deciden loitar por outra bandeira.

Daquela, aínda que entendo e valoro os esforzos de S. Biles, satúrame que mo repitan a todas horas. Sobre todo, porque iso fai que apenas se valoren os esforzos dunha Rebeca Andrade ou dunha Julien Alfred, as miñas estrelas indiscutíbeis nestes xogos. As súas son historias de superación que nos falan das máis humildes, da pobreza, da necesidade de contarmos con programas sociais que dean oportunidades á cativada máis desfavorecida. De nais coraxe que sacan adiante as súas fillas en calquera circunstancia. Rapazas que, coma Andrade, soñan con graduarse na universidade para axudar outras que veñen atrás, coidando das súas mentes, tanto como do seu corpo. Mozas que tiveron que percorrer quilómetros e acabaron nunha universidade americana, mais sen esquecer a terra de onde veñen e á que devolven os seus logros, coma Alfred. 

Elas venceron máis alá do deporte.

Comentarios