Opinión

Independentismo

Vexo que comeza a darse no nacionalismo un debate a respecto da soberanía e o independentismo, que dende fora é lido como discrepancias internas no seo do BNG. Non sei se estas existen ou non, pero de darse non sería nada estraño, pois forma parte da dinámica de calquera partido político democrático. A novidade é que por primeira vez en moito tempo estas discusións xiran arredor da independencia, que parecía ter sido aparcada no nacionalismo galego. Este, ao longo da súa historia, non quixo afrontar case nunca este debate, e salvo notábeis excepcións, nunca se desenvolveu en profundidade no ámbito teórico. A referencia última na corrente principal do nacionalismo era un vago soberanismo ou a reclamación do dereito á autodeterminación. Por iso agradezo a apertura deste debate pois pode servir para clarificar posturas e para levar a un debate máis sistemático sobre a cuestión.

Polo que leo na imprensa, que maioritariamente gosta de resaltar as diferenzas no BNG, parece haber dúas posturas, a expresada por Néstor Rego no Parlamento español que parece defender a independencia, e a representada pola voceira nacional do BNG, Ana Pontón, que a primeira vista parece máis posibilista e elude pronunciarse de forma taxativa sobre a cuestión. Ambos teñen boa parte de razón, pero parecen pecar de autosubversión nos razoamentos. De ser correcto o que interpreto, Rego explicita o obvio en calquera organización nacionalista, que o fin último debería ser a independencia, que de feito é a única forma posíbel de autodeterminarse. Isto é algo que o pobo galego pode facer: reclamar por si mesmo. Un pobo consciente de selo pode reclamar por si mesmo, ser independente e estabelecer unha estratexia para acadalo.

De facerse de forma correcta e axeitada entendo que pode considerarse como un dereito. O discurso de declaración de independencia dos EUA foi e segue a ser un texto que o explica marabillosamente. Calquera outra solución posíbel, federalismo, confederación ou Estado libre asociado, mesmo a renuncia a calquera tipo de autonomía, require da vontade doutros pobos para ser exercida. Unha non pode autodeterminarse e ao tempo reclamar que os pobos con que este antes estaban asociados compartan a súa pretensión de reforma estatal, pois poden non querela ou non convirlle e non se lles pode forzar. Dirán ti debes ter dereito a irte se queres, pero os que quedamos organizarémonos como nós vexamos e se decides quedar (que tamén pode ser unha decisión) terás que aceptar as regras do resto. Como pasou en Escocia. Non caben posturas intermedias no exercicio deste dereito. E non pode exercerse á carta. A postura de Rego é pois consistente. Pero tamén o é a de Ana Pontón, pois entende correctamente que de non moderar as pretensións dificilmente o BNG conseguiría unha maioría necesaria para gobernar, e polo tanto tampouco para sequera propor unha demanda críbel de soberanía. Non é factíbel presentar demandas deste tipo cando nin sequera es capaz de gobernar, nin sequera en coalición, na túa terra. Xa é difícil tendo o poder, moito máis o será sen el.

Pero o debate ten unha gran virtualidade, que é o de poder discutir sobre as diferentes dimensións do tema. A cuestión da posibilidade da independencia é algo común en moitos países da nosa contorna como Catalunya, o Reino Unido ou Bélxica, onde se discute civilizadamente e con argumentos de peso por ambas partes. Considérase un debate político máis, como calquera outro que pode dividir a poboación pero sen dramatismo ningún. Na  propia Franza vai decorrer pronto un referendo de autodeterminación de Nova Caledonia e non parece existir gran tensión ao respecto. Pero benvida sexa a apertura deste e doutros debates no que se refire ao presente e sobre todo ao futuro da Galiza.

Comentarios