Opinión

De puzzles e pezas

Contan que o primeiro puzzle da historia naceu dun mapa e que foi un cartógrafo da coroa inglesa o que deseñou, nunha táboa de madeira e serrando os bordes de cada reino, un sistema de aprendizaxe de xeografía. Ao ensamblar cada peza os nenos e nenas estudaban os lazos de unión entre os diferentes países e pouco a pouco e a partir deste invento foron deseñando, para as familias da alta sociedade inglesa, máis puzzles con diferentes temáticas. 

Din que entre 1766 e 1800 tivo lugar a época dourada dos puzzles, un invento que chega ata os nosos días e que se foi diversificando en canto a número de pezas e complexidade. 

As persoas tamén somos un puzzle, pero dos sinxelos en canto a número de pezas e complexos en relación ao xeito de encaixalas; estamos conformadas soamente por tres pezas: a do físico, a do social e a da psique. 

O físico correspóndese coa nosa bioloxía, corporalidade e co noso sistema hormonal; o social refírese a todo aquilo que aprendemos da sociedade onde nos tocou chegar ao mundo e a psique é o sistema que nos permite integrar todos eses coñecementos. 

Estas tres pezas camiñan xuntas da man, se unha delas muda ou cambia de dirección as outras dúas tamén e a pesares deste complexo equilibrio vivimos nunha sociedade que nos ensina o simple, é dicir, que absolutamente todo se compón de extremos: home-muller, puro-impuro, bo-malo, delicado-rudo, masculino-feminino…

Isto é algo que se nos tatúa a lume dende a infancia e o cerebro precisa, segundo medramos, esquematizar toda a realidade para comprendela e fuxir da ansiedade do descoñecido e do que queda entre eses dous extremos e non nos permite dicir si ou non rotundo a algo. 

É rara e cruel esa perda de plasticidade segundo medramos xa que o noso cerebro non é quen precisa dividir a realidade en dous polos opostos nin moito menos precisa facernos crer que un deses polos é superior ou mellor ca o outro. 

Así sucede cos roles que se nos impoñen a mulleres e homes e propician que vivamos ben lonxe da liberdade nas nosas relacións sociais e sobre todo, nós, as mulleres, lonxe de manter unha relación positiva cos nosos corpos. 

Esta tiranía aparece en cada ocasión na que deixamos de pensar que podemos elixir determinadas prácticas ou actitudes, en cada ocasión na que pensamos que non debemos facer algo para non desagradar, como mulleres, ao resto do sistema social. 

Pensastes nalgunha ocasión por qué elixides unha cousa e non a outra ou por qué vos gusta un determinado xeito de ser e non outro?

As terapias están repletas de persoas que se obrigaron a rir ante chistes ou supostas bromas que en realidade lles ofenderon ou mancaron, están cheas de xente á que ensinaron que o seu corpo non lles debe gustar e tamén de mulleres que mantiveron relacións sexuais cando en realidade non lles apetecía pero que o fixeron porque era o que se esperaba delas. 

A socialización de xénero conforma a nosa sexualidade de tal xeito que en moitas ocasións estamos lonxe de escoller baixo a libre elección, escollemos porque é o que temos que escoller e porque non nos formulamos o resto das opcións. 

Cando unha muller o un home escapan destas cousas que se esperan como asignadas ao seu xénero dalgunha forma o grupo os vai avisar e se persisten en vivir dun xeito distinto serán sinaladas ou sinalados e o prestixio/recoñecemento social estará negado para ambos: isto non é máis que o control sexista, moi presente se afondamos no terreo da sexualidade. 

O problema da nosa sociedade non está nos valores, o problema está en non poder elixir que valores queremos asignar á nosa identificación de xénero xa que no momento en que un valor se converte en esixencia tiramos do freo do desenvolvemento persoal. 

Comentarios