Opinión

Catalanofobia

A semana pasada no meu artigo de Nós Diario falei sobre a coalición para as eleccións europeas Agora Repúblicas (ERC, EH Bildu e BNG). A miña sorpresa foi a cantidade de comentarios que tivo, na súa maioría negativos cara o pobo catalán. Tamen houbo algún en positivo. Un dos que comentou este artigo conta este feito: "O fillo de Manuel Vázquez Montalbán di que sendo neno os seus pais mandárono a Francia para reforzar o seu francés, nun exercicio escolar a mestra animou aos seus alumnos a contar unha anécdota. Un rapaz de dezaseis anos de Valladolid levantou a man para contar un 'chiste', preguntou: 'Por que nos Estados Unidos hai negros e en España hai cataláns?'. E el mesmo respostou: 'Porque os americanos escolleron primeiro'.

O fillo de Vázquez Montalbán sentiuse ferido como catalán, para el era a primeira vez que escoitaba un comentario deste tipo. Daquela sentiuse mal, pero durante a súa vida escoitou máis comentarios similares ata que chegou un momento no que deixou de facer caso.

Chámame a atención que nun xornal coma Nós haxa xente que fai estes comentarios sobre os cataláns. Non sei se estes proveñen de anónimos que pensan así, mercan e pagan Nós ou se son persoas organizadas dentro dos servizos de información españois. Quero pensar que a xente que merca Nós con boa intención non pensa así.

Os que naceron, viviron, traballaron e foron acollidos polo pobo catalán saben ben o que aportaron estes á sua vida. Moitos chegaron froito da emigración e integráronse perfectamente, outros xa naceron en Catalunya e formaron parte dese pobo acolledor. O pobo catalán sempre loitou e seguirá a loitar polos seus lexítimos dereitos.Non debemos consentir dende Galiza que se insulte impunemente ao pobo catalán.

O pobo galego ten que esforzarse por entender ao pobo catalán, que é un pobo irmán e co que dende o BNG compartimos coalición electoral para as eleccións europeas.

Comentarios