Opinión

Mil primaveras máis para os Homiños de Boimorto

Intervención de Sol Agra, deputada de Dereitos Civís na Deputación da Coruña, na homenaxe aos Homiños de Boimorto decorrida o 27 de agosto en Ames (comarca de Compostela).

Estremecedor o que acabamos de escoitar, por iso agradezo estar hoxe aquí, nesta homenaxe, como deputada de Dereitos Civís. Pódeme o peso da responsabilidade e da memoria dos feitos que hoxe recordarmos.

Os grandes homes dos que hoxe falamos, recoñecidos con un diminutivo que recolle o cariño e a súa inxusta morte, non foron vítimas dunha guerra. Un mes despois do golpe de estado fascista, en Boimorto, non había unha fronte de batalla, non eran estes homes soldados armados. Eran civís, coma min, coma moitos de vos, implicados na representación política da súa veciñanza, e, como acabamos de escoitar, algúns nin sequera tiñan un cargo público. 

Estes, como tantos outros homes e mulleres torturados e asasinados por toda Galiza, foron mártires por compartir as ideas da república. Unhas ideas e uns valores que aínda hoxe, no estado democrático no que se supón que vivimos, non logramos alcanzar: igualdade, dereitos sociais, anti imperialismo, pacifismo e autogoberno, para poder xestionar os nosos recursos sen que veñan esquilmarnos como si fóramos unha colonia.

A república defendía dereitos e valores que nin o exército, nin o clero, nin os terratenentes e nobres podían permitir, por iso a aniquilaron, por iso perseguiron e silenciaron a todas aquelas persoas que podían espallar eses ideais de xustiza e liberdade.

Costa entender como ante a reivindicación de homes e mulleres que morreron por defender un goberno escollido lexitimamente nas urnas, haxa xente hoxe que diga que tamén morreron moitos do outro bando, que nas guerras é normal que haxa baixas.  Porque estas non foron baixas nunha batalla, os grandes homes de Boimorto, e moitos outros coma eles que foron encarcerados, torturados, asasinados e tirados en fosas comúns e cunetas por todo o país non eran soldados de ningún bando, non estaban loitando en ningún fronte de batalla, foron eliminados só por ser.

Canto odio, canta vileza, canta deshumanidade pode existir nun home para acabar así con outro ser humano?

E a represión non rematou coa guerra, esa é a diferencia con outras guerras, aquí a depuración seguiu desde que a guerra remato. Ós vencedores non lles chegou coas vítimas das batallas, seguiron matando a todas aquelas persoas que nalgún momento defenderon ideas diferentes ás súas.

Parece que queda lonxe, a maioría da xente que estamos aquí non recordamos a ditadura, moitas só souberon dela polo libros de texto, uns libros que branquean cada vez máis o que aquí pasou.  Que falan do golpe de estado como “una contienda entre civiles”, ou “un alzamiento militar para acabar con los desórdenes de la república”, si, é así como o contan, ante a impunidade dun réxime político que saíu precisamente dese branqueamento, dese “perdón e olvido” que botou terra ós nosos mortos nas cunetas e puxo alfombras vermellas ós asasinos e torturadores con unha amnistía.

Case 90 anos pasaron xa desde que os grandes homes que se dedicaran ó servizo á veciñanza do seu concello a través da política foron asasinados vilmente. Case 90 anos do asasinato de Anxel Casal en Compostela, de Alexándre Bóveda, Xaime Quintanilla, Camilo Buenaventura Diaz, pai de Isaac Díaz Pardo, e centos e centos de intelectuales, políticos, sindicalistas, campesiños, mariñeiros e obreros galegos, e centos os que tuveron que fuxir para o exilio para salvar a súa vida, Dieste, Seoane, Castelao, todos eles con un único rasgo común, pensar diferente ós seus asasinos, defender o dereito a vivir en igualdade, sen diferencia por clase social, relixión, xénero ou orientación sexual.

E non só morreron grandes homes coma os de Boimorto, foron tamén asasinadas grandes mulleres, asasinadas despois de tortura e violación, porque ser muller é unha condición de maior risco cando as bestas andan soltas e se senten impunes, e así eliminaron, humillaron e fixeron exiliarse a tantas: a Carmen Pesqueira, a Capirota en Nigrán, a Juana Capdeidevelle, a Elvira Bao, a Luz Fandiño, a Coralia e Maruxa e , e mantiveron caladas e educando no silenzo a tantas outras para que as súas fillas e fillos puideran vivir sen perigo.  O silenzo, o non significarse por medo, aprendérono ben esas mulleres, nosas bisavoas e avoas, por iso é de agradecer testemúños como o que agora nos vai a relatar Alejandra, porque a coñecemento do que pasou é a única maneira que temos de manter viva a memoria para que a mocidade non se deixe levar por discursos de odio baseados en mentira e branqueamento. Non estamos libres de que esta historia se volva a repetir, arrodeanos a impunidade: o xenocidio en Gaza, a prohibición do son da voz das mulleres en Afganistán son proba de que a historia xa é presente.

Desde a miña responsabilidade como Deputada de Dereitos civís podo asegurarvos que o meu compromiso é o de apoiar canta homenaxe se organice, reivindicar espazos da memoria, seguir recordando, poñendo en valor e promovendo o cumprimento da lei de memoria democrática en toda a provincia.

Os homiños de Boimorto foron mártires pola defensa dos valores e ideais da xustiza social e do autogoberno. Non foron soldados vítimas dunha batalla, foi unha depuración sistemática planificada para eliminar os ideais da república. Pero deixaron semente de vencer, e seguimos aquí: lembrando, homenaxeando, reivindicando, porque aínda que morramos os nosos ideais son inmortais, porque poden vencernos coas armas, pero nunca nos convencerán coas ideas, porque o que defendemos é a xustiza social, os dereitos de todos os pobos a decidir o seu destino, somos pobo, non nos dobregamos ante os intereses das grandes empresas, defendemos o noso dereito ó autogoberno, á nosa lingua e cultura, ó noso territorio e ós nosos recursos.  Mil primaveras máis para as homenaxes á Galiza Mártir.

Mil primaveras máis para os “homiños de Boimorto”.

Comentarios