Opinión

"Construír futuro"? Construamos futuro daquela

Escribo ao fío dalgúns artigos que nas últimas semanas se publicaron nesta web argumentando outra volta que é imprescindíbel a autoorganización nacional galega

Escribo ao fío dalgúns artigos que nas últimas semanas se publicaron nesta web argumentando outra volta que é imprescindíbel a autoorganización nacional galega, que as solucións para os problemas sociais, económicos, culturais, persoais pasan ineludíbelmente pola autoorganización e o custionamento da dependencia da Galiza. Dun xeito concreto penso agora nun do Manuel Mera e noutro do Néstor Rego, como secretario da UPG. No de Néstor introdúcese unha expectativa nova, animar un proceso que chama “Construír futuro”.

Lémbrase a figura de Moncho Reboiras, unha lembranza necesaria e xustificada pois a súa memoria trascende á do nacionalismo galego e da esquerda toda, é memoria do antifranquismo e da loita pola democracia. Porén, non se pode ignorar tampouco que a súa sorte está moi lonxe das vivencias e da conciencia de grande parte da sociedade e das novas xeracións. En todo caso, a imaxe de Reboiras ficou detida traxicamente hai corenta anos, de non ser asasinado naquela altura e tendo en conta os ires e vires da esquerda nacionalista ninguén pode asegurar que posición política tería agora un home corenta anos máis vello. Ninguén.

Contra quen predica a desaparición do nacionalismo galego e augura a desaparición do BNG, segue a haber unha base organizativa militante imprescindíbel e que permite pensar no futuro

E alúdese tamén ao éxito de mobilización que foi o pasado 25 de Xullo, a referencia a termos enchido a Praza da Quintana transpira un alivio evidente. Efectivamente, contra o que se temía, contra quen predica a desaparición do nacionalismo galego e augura a desaparición do BNG, segue a haber unha base organizativa militante imprescindíbel e que permite pensar no futuro. Mais iso non quita a debilidade política, o retroceso da conciencia nacional na sociedade e a hexemonía do españolismo en todos os ámbitos. Unha corrente histórica existe na sociedade, non abonda cunha organización compacta e militante pois iso ten un recorrido moi curto se non dá desembarcado no país.

Concordo no esencial, en argumentar a autoorganización galega, e non concordo logo na autoafirmación do existente, das organizacións existentes na actualidade.

Reacción a "Podemos"

Claramente son artigos que reaccionan fronte ao fenómeno político “Podemos”, esa é a preocupación primeira que ten o nacionalismo galego, non esvaerse subsumidos nun revolto ambiguo e confuso baixo as invocacións á “unidade da esquerda” e “todos contra o PP”. É un medo xustificado, mais tamén é significativo da debilidade histórica á que chegou esta etapa histórica do galeguismo político que semella presa do resistencialismo agónico: xa non se trata sequera de resistir fronte á dereita e o españolismo en xeral, agora mesmo ten que afrontar resistir fronte á esquerda democrática. Demostra o noso fracaso en convencer á sociedade galega da necesidade de romper cos mecanismos da colonización e a dependencia, o noso fracaso en crear conciencia nacional.

Concordo no esencial, en argumentar a autoorganización galega, e non concordo logo na autoafirmación do existente

Doutra banda, “Podemos”, e as plataformas que se crean ao seu arredor, é un fenómeno político moi positivo en si mesmo, e del debemos tirar leccións e, con toda humildade, aprender dunha cultura política que é nova e responde ás esixencias dunha cidadanía esixente.

Nas pasadas eleccións europeas discutín cunha persoa amiga por mor do voto, como tanta xente, e aínda sendo galeguista, estaba en votar a “Podemos” cunha nova ilusión. Eu repliqueille que, coa desaparición do galeguismo e a hexemonía do españolismo existente, a Galiza desaparecería. “É a miña vida, trátase da miña vida!”, díxenlle cun certo dramatismo que abrolla en min ás veces e quero reflexionar precisamente desde a miña experiencia persoal, que terá moito en común coa doutras persoas. E así, pregúntome por que, en vendo o perigo de que a Galiza desapareza politica e historicamente, non teño dúbidas de que debo apoiar sen volta ás organizacións existentes, concretamente ao BNG e, con todo, non milito aí. Pregúntome por que, tendo sido eu militante de organizacións políticas e sindicais e non tendo grandes reparos en significar as miñas posicións públicamente, non milito no BNG?

Nunca me quixen definir como “nacionalista”, termo co que reiteradamente se define tanto a UPG, como BNG e outras organizacións da esquerda galega, prefiro o de “galeguista” para me retratar políticamente. Entendendo niso o galeguismo político historicamente, o de Faraldo, Rosalía, Murguía, o do Castelao do Sempre en Galiza que conleva ineludibelmente a autoorganización; só hai galeguismo nas organizacións galegas, as españolas partillan a organización, as estruturas e perpetúan a ideoloxía do estado existente. O meu galeguismo quer ser consecuente, sufíncase na autodeterminación, e non exclúe absolutamente ningunha opción histórica de autogoberno para o meu país dependendo das circunstancias, quer a federación, confederación ou a independencia.

Contéstome á miña pregunta, non estou no BNG porque sempre sentín que me excluía

Outra cousa é que, por diferentes motivos tantos persoais como políticos, non me sexa indiferente España en absoluto, polo contrario entendo que a dialéctica con España é determinante nas nosas vidas e pretender ignoralo é unha ensoñación infantil. Todas as forzas do catalanismo teñen experimentado e experimentan todo tipo de relacións co Estado e os seus gobernos, a diferenza co nacionalismo galego é que o catalanismo si pretende realmente exercer a soberanía do seu país e no canto de refuxiarse nas afirmacións retóricas afronta a realidade existente.

E contéstome á miña pregunta, non estou no BNG porque sempre sentín que me excluía. E acho que é algo que lle ocorre a centos de miles de persoas que, en maior ou menor medida, teñen certa conciencia nacional e os mellores desexos para o noso país. No meu caso a exclusión resúltame evidente e concreta, fun militante fundador do POG, Unidade Galega e PSG-Esquerda Galega, unha liña do galeguismo que tivo alcaldes, concelleiros, deputados, que participou nos debates e na loita polo autogoberno, nas loitas sociais, sindicais, que imaxinou este país...e todo ese traballo non forma parte da memoria, do patrimonio do BNG.

Relato da historia do nacionalismo

Estou farto de escoitar reiteradamente un relato da historia do nacionalismo falsa e excluínte segundo a cal nos últimos trinta anos, cando deixou de existir o BN-PG só existiu o BNG (a UPG+Beiras). Foi por ese motivo polo que, cando desapareceu o PSG-EG e UG, non me integrei no BNG. Porque aceptar a lectura do pasado recente que é o discurso oficial do BNG é un insulto para min e nega a miña propia existencia como cidadán. E non estou disposto a negarme e renunciar á cordura.

E xa non falo do sectarismo enfermizo que impregna toda a cultura política deste nacionalismo galego e que se expresa sistematicamente na descalificación persoal do disidente. Puro incivismo.

Desexo que exista un polo político nacional galego, para que a cidadanía galega teña poder, para que a Galiza teña poder

Se o BNG non é capaz sequera de recoñecer e integrar esa parte da esquerda e o nacionalismo galego, como vai ser capaz de recoñecer e comprender á sociedade. E como vai ser comprendido por ela.

Desexo que exista un polo político nacional galego, para que a cidadanía galega teña poder, para que a Galiza teña poder. Mais se queremos pasar de vivir agónicamente e respirar aliviados porque, malia os obstáculos que se nos poñen, conseguimos encher a Quintana e queremos verdadeiramente que esta corrente histórica conduza a sociedade galega cara a súa soberanía política hai que mudar absolutamente de actitude.

Honradez e humildade

Revisar con honradez intelectual o que foi e máis o que é o galeguismo no seu conxunto, achegarse con humildade a tantas quendas de galeguistas que foron sendo excluídas por mor de purgas ou disidencias sucesivas, manter un diálogo aberto e procurar a integración dos que se espallaron dispersos...E hai que aceptar a evidencia de que o galeguismo hoxe, sento todo el progresista ou de esquerdas simplesmente, ten diversos modos de interpretar a realidade polo que, se se quere construír un movemento forte, haberá que pactar uns mínimos políticos no que podamos camiñar unidos. Se o BNG quere “construír futuro” como di, ha ter que ser a serio e non para o autoconsumo, ha ter que correr o risco de afrontar, primeiro, a realidade do galeguismo todo e, despois, a realidade desta sociedade. É a que hai, non hai outra, non vale de nada queixarse dela, haina que recoñecer como é primeiro para podela cambiar.

Polo de agora, moitas persoas que votamos e apoiamos ao BNG ou ás outras organizacións galegas somos meramente “compañeiros da viaxe”, porén se esa viaxe non vai cara a ningures o mellor ha ser ficar na casa. 

Comentarios