Opinión

Desde dentro e desde fóra, cara atrás e cara adiante

Nunca fun da UPG nin do BNG. Non concordei coas súas análises, non gustei da súa cultura política e tampouco dun sentimento de superioridade moral que sempre percibín e que considerei infundado. Aínda máis, entendo que o relato que esa organización se conta a si mesma, identificándose de modo exclusivo co nacionalismo galego e o galeguismo todo, ocultaba a existencia de Unidade Galega ou o PSG-Esquerda Galega , negando así a miña propia esistencia como cidadán. E iso xa era así antes da súa ruptura hai tres anos, cando estaban dentro os “benegás” e mais os “exbenegás”. Cantas persoas galeguistas e de esquerdas ou non non terán experiencias semellantes á miña.

O BNG terá algún día que reflexionar sobre a carga de antipatía que arrastra. Os seus dirixentes e a súa militancia pódense encontrar cómodos na explicación de que os seus inimigos son poderosos e levan anos a estigmatizar esa organización, é certo, porén tamén deben aceptar que a explicación para moitos receos tan extendidos está tanto na súa visión da nosa sociedade como nos propios erros e actitudes. Se non se ten iso en conta non haberá ningunha reflexión válida tanto sobre a situación desa organización como sobre a do nacionalismo galego.

O BNG terá algún día que reflexionar sobre a carga de antipatía que arrastra  

Hai dous anos a política galega estaba vaciada, desde a condena e liquidación política e ideolóxica da Xunta bipartita, e os seus restos desaparecían na política española, que se trasladou do parlamento e as organizacións aos platós das televisións madrileñas. O noso país desaparecía politicamente e en calquera outro plano. Era un momento no que algúns entendimos que cumpría achegar forzas no BNG, mesmo formar na súa lista electoral nas elecións europeas. Non porque un sentise que era “a súa” organización nin tampouco porque crese que o BNG e a Galiza fosen a mesma cousa, senón porque na práctica era a única organización que representaba e expresaba políticamente a existencia da Galiza como nación política.

Non hai nación sen organizacións soberanas propias e algúns non queremos que a Galiza desapareza e sabemos, como nos mostran todas as análises económicas, que os intereses da sociedade galega e de Madrid son contrarios, polo que precisamos un poder propio que inevitabelmente vai entrar en contradición cos poderes económicos, ideolóxicos e políticos madrileños. O sucursalismo son as estruturas de dominio de Madrid sobre nós.

Do mesmo xeito, tras as elecións municipais, nese mesmo escenario no que desaparecera na nosa propia sociedade a idea da Galiza como argumento, como idea, como conxunto de necesidades, no que desaparecera a perspectiva dun proxecto nacional propio, algúns entendimos que era un momento histórico límite e que había que axir con decisión e audacia. O resultado electoral en si mesmo era propicio desde unha perspectiva social e nacional, o PP podía e pode ser desaloxado da Xunta e a nova administración podería e pode estar dirixida por un proxecto nacional galego transformador. Naturalmente precisado da alianza co PSOE, malia esta organización ter esquecido na actualidade calquera proxecto galego.

O electorado que escolleu votar “En Marea” en lugar de “Nós” non foi enganado, moi pouca xente cría realmente que aquela era unha opción política soberana galega, sabían que votaban a marca de “Podemos” na Galiza

O intento de xuntar forzas nunha candidatura unitaria respondía a unha estratexia nacional, non nacionalista. Foi un intento limpo desde o comezo, desde o primeiro manifesto (“Pola unión”), de defender a existencia deste país coa súa axenda de necesidades urxentes. Naquela altura descoñeciamos que algunhas forzas coas que queriamos contar nese proxecto xa tiñan asinado pactos en Madrid coa direción de “Podemos”. Se eses pactos non estivesen ocultos e fosen coñecidos todos teriamos aforrado moitos traballos e desgustos. Porén, iso foinos ocultado e moitos embarcámonos nun río de esforzos  que ilusionaron a moita xente e que resultaron ser un engano completo. Podemos dicir que fomos enganados. Aprendemos á forza a tratar con persoas capaces dunha gran falsedade, unha nova xeración de políticos capaces de conducirse durante meses na completa dobrez.

O caso é que aquel proceso que espertou en amplos sectores sociais ilusión foi esganado a mantenta porque así estaba xa decidido e asinado previamente en Madrid. Os pasos que deu a continuación “En Marea” só confirmaron o que era sabido, non habería grupo parlamentar soberano, o noso país non tería representación propia nas Cortes…O que debera sorprender é que ninguén nesa coalición recoñeceu erro ningún, nin a mínima autocrítica, ningunha demisión…Como se explica? Polo éxito electoral, únicamente.

Efectivamente, o electorado que escolleu votar “En Marea” en lugar de “Nós” non foi enganado, moi pouca xente cría realmente que aquela era unha opción política soberana galega, sabían que votaban a marca de “Podemos” na Galiza. Podemos, e debemos, dicir que os dirixentes de Anova, Izquierda Unida en Galicia e os seus apoios locais xogaron con engano no proceso de crear unha candidatura, mais os votantes sabían perfectamente o que votaban, a opción que escolleron. É unha realidade.

E, polo mesmo, non é que se perdesen votantes do BNG confundidos polo nome da candidatura, precisamente os votantes de “Nós” sabían tamén perfectamente o que votaban, votaron unha candidatura que era netamente soberana galega mais tamén marcada previamente polas poucas expectativas. Aínda máis, para ben ou para mal, sabían que votaban a candidatura “do BNG”. Porque o fracaso do proceso de unidade deixounos a quen intentou até a fin unha candidatura unitaria reducidos na práctica ao BNG e catro “compañeiros de viaxe”. Iso fomos e iso somos. Así foron as cousas, así están, así somos e así é o país que nos ten.

A cultura de organización do BNG, marcada polo resistencialismo e o ollar cara dentro, sepárao do conxunto da sociedade e fai da súa militancia “xente distinta”, percibida como “rara” dalgún xeito

Concordo no esencial coa interpretación do nacionalismo galego que fai o BNG: o meu país sofre unha dependencia  para o seu expolio que o destrúe como sociedade e cómpre a autoorganización política para conseguirmos soberanía nacional, e discrepo tamén en cousas moi importantes, como dixen ao principio. Porén, vexo que hai un problema que se evidencia con toda crueza e que o BNG debe encarar e aceptar: a sociedade mudou nos últimos anos e unha nova xeración, malia non ter o control dos medios económicos, conseguiu impor a súa cultura e expectativas xeracionais. Iso foi o 15-M. Poderá gustar ou non, mais é así. Eu propio percibo que as miñas experiencias como militante son algo tan remoto e impórtalle tan pouco á xente menor de corenta ou corenta e cinco anos como as historias “da mili”.

No entanto o BNG segue nun mundo propio con referencias e, mesmo, rituais e folklore propio: os seus escritores, heroes e mártires; as súas datas de celebración; os seus momentos e figuras fundacionais (Encrobas, Xove, Baldaio…). Toda unha cultura e unha imaxinería que non só non é partillada pola sociedade senón que é percibida como a linguaxe e o culto dalgunha confesión relixiosa. A cultura de organización do BNG, marcada polo resistencialismo e o ollar cara dentro, sepárao do conxunto da sociedade e fai da súa militancia “xente distinta”, percibida como “rara” dalgún xeito.

O nacionalismo galego de esquerdas, a corrente ideolóxica que é portadora dese proxecto histórico nacional, o galeguismo, desde Antolín Faralado até hoxe, non soubo actualizar o proxecto e perdeu o contacto cun par de xeracións

Cando redactamos o manifesto “Pola Unión”, os redactores apelamos como referencia e como autoridade cultural e moral nada menos que…a Curros! Estabamos errados, ollemos ao redor, Curros é unha figura dos manuais da asignatura de Lingua e Literatura Galega. Non esperta as emocións nin siquera o respecto que tivo, e polo visto aínda ten, para os vellos galeguistas. A resumir, o nacionalismo galego de esquerdas, a corrente ideolóxica que é portadora dese proxecto histórico nacional, o galeguismo, desde Antolín Faralado até hoxe, non soubo actualizar o proxecto e perdeu o contacto cun par de xeracións. Nós ficamos atrás e a xente vai aló diante. E non só iso, hai unha xeración de políticos que se alimentan dunha frustración dun par de xeracións e están interesados no enfrontamento cos “vellos”.

A estrutura social mudou, hoxe masas de mozos  e mozas que non teñen traballo ou traballos precarios, que teñen acceso a información e son capaces a crear información e redes e que todo iso fixérono xa en castelán son tanto ou máis determinantes que os traballadores de sectores industriais, servizos ou ese campesiñado que se transformou en empresarios autónomos. Esa xeración que ten como referencia a Madrid a todos os efectos, que viven dentro do ecosistema comunicacional e ideolóxico madrileño está moi lonxe de calquera interpretación do galeguismo. Sen dúbida débese á debilidade nacional do noso país, a aculturación, o colonialismo cultural…, o poder de Madrid. Porén tamén terá a súa parte de responsabilidade un BNG que foi incapaz de velo en tempo e adaptarse ao tempo e ao país.

A organización que carga coa responsabilidade de facer un xiro histórico sobre si propia e actualizar o proxecto nacional galego é o BNG.

“Nós-Candidatura Galega” non conseguimos que tivese o músculo e a dimensión que desexaramos, finalmente resultou o BNG+boas intencións, de modo que a organización que carga coa responsabilidade de facer un xiro histórico sobre si propia e actualizar o proxecto nacional galego é o BNG. E para iso cómpre unha reflexión sincera e autocrítica. Sen iso non haberá unha apertura  a sociedade e a sociedade tampouco recoñecerá o galeguismo como o instrumento válido e necesario para os seus problemas e o camiño para andar. A sociedade galega estaría encantada de ouvir de boca dos dirixentes do BNG algunha vez algo como “erramos nisto”, “imos mudar”…, ou cousa así. Logo da reflexión crítica xa se verá.

Encontrámonos tratando con xente que non era de fiar, con dobre linguaxe e unha axenda de pactos ocultos, isto é así e quen non somos dirixentes políticos podemos dicilo porque iso é o que temos vivido

As posíbeis alianzas electorais ou non para recrear un proxecto nacional galego están aí, non deberan condicionar esa ollada autocrítica no espello, mais a resposta que se lle dea tamén está relacionada coa comprensión do tempo que vivimos. A experiencia que temos vivido nos últimos meses foi desastrosa, desmoralizadora. Encontrámonos tratando con xente que non era de fiar, con dobre linguaxe e unha axenda de pactos ocultos, isto é así e quen non somos dirixentes políticos podemos dicilo porque iso é o que temos vivido. Mais as persoas que carguen coa responsabilidade de facer política non poden deterse aí, malia esa experiencia deben seguir intentando aquilo que pode ser tan beneficioso para o noso país.

O nacionalismo galego non debe fiar o futuro aos fracasos dos outros, aos desenganos. O futuro gánase creando proxectos que convenzan á sociedade

As contradicións evidentes que hai “En Marea” han seguir abrollando nas próximas semanas, o papel que tivo “Podemos” nesa comedia madrileña na que se transformou a política española está custionado, pasan as semanas para o seu disgusto e perden esa centralidade mediática: o papel central teno agora Sánchez e, previsíbelmente, iso vaille beneficiar ao seu partido nas próximas inevitabeis elecións xerais. Así e todo, non vai haber un cambio electoral repentino que afecte ao proxecto nacionalista galego, non sendo unha erupción imprevista neste momento. “En Marea” mentiu ao electorado, certo, mais non houbo engano: o seu electorado sabíao e sabía o que votaba. Simple e libremente, considerou que lle era máis útil votar a súa candidatura que a nosa. Houbo mentira, porén non houbo engano. Iso non cambia repentinamente, ese electorado ha tardar tempo en ver con outros ollos máis críticos esa proposta política. O nacionalismo galego non debe fiar o futuro aos fracasos dos outros, aos desenganos. O futuro gánase creando proxectos que convenzan á sociedade.

Nese sentido ao nacionalismo galego convenlle atender ao proceso de revisión autocrítico e a inflexión que se está a dar na esquerda nacionalista tanto en Euskadi como en Catalunya, son realidades nacionais diferentes mais hai en común o aceptamento dunha nova cultura social, da mudanza.

O diálogo para artellar unha candidatura unitaria que encabece o goberno da Xunta segue a ser necesario aínda que as dificultades son evidentes

O diálogo para artellar unha candidatura unitaria que encabece o goberno da Xunta segue a ser necesario aínda que as dificultades son evidentes. Nos meses pasados temos visto as actitudes das candidaturas de Ferrol, A Coruña e Santiago das “mareas” como actuaron con grande sectaria e incapacidade para o diálogo, incapaces de pactos e de formar gobernos locais de colaboración. Parten dunha visión excluínte dos demais, só eles son “o pobo”, “a xente”, e antes deles non houbo nada. Tamén temos visto actitudes dos principais dirixentes de “En Marea” absolutamente sectarias e mezquinas,  case literalmente: “disólvase o BNG inmediatamente e os militantes que queiran que vaian pedindo entrar na nosa candidatura de un en un e co carné na boca”.

Ben pode ser que alguén aí dentro nalgún momento reflexione e muden esas actitudes, tamén pode ser que malia a crise interna e a evidencia da súa inmadurez política, se manteñan en actitudes soberbias, nese caso o diálogo fracasará. Mais debe ser intentado de boa fe, o ofrecemento sincero e constante debe estar presente.

En xeral, nesta etapa histórica e probábelmente sempre, o esencial é pornos de acordo nun programa político, as necesidades sociais son enormes, e aí podemos concordar moita xente. Se pretendemos un diálogo sobre bases ideolóxicas as diferencias han ser irreconciliabeis, mais podemos concordar e partillar un programa de acordos políticos. Algúns non podemos aceptar o sucursalismo de “En Marea” respecto da central madrileña, porén tampouco podemos concordar coa idea da historia e da sociedade que ten arestora a UPG, e asi e todo concordariamos con ambos nun programa social e tamén para o goberno da Xunta en dez ou doce anos. Pode que algúns non vivamos tanto. Non é algo a intentar?

Comentarios