Opinión

A pesar deles, mañá ha de ser outro día

A prensa cortesana madrileña está por debaixo do nivel dos sumidoiros e refúxiase nas máis profundas galerías do seu búnker, prefire non aceptar a realidade: malia todos os obstáculos e a represión, os soberanistas cataláns gañaron as eleccións que convocou abusivamente Rajoy.

El País di que se o parlamento catalán escolle como o seu presidente e como President da Generalitat a quen decide escoller “desafía a la ley”. No mesmo xornal unha das súas sinaturas, Antonio Elorza, califica de “farsa” os actos dos deputados que votan tal (Como calificará entón o que fixo e fai o goberno de Rajoy, Santamaría, Zoido..., e os seus partidos “compinches” do 155 ?). La Razón, outro que tal, califica ao novo presidente do parlamento de “radical”, xa antes de ser elixido. Non é raro que Rajoy agradeza á “mayoría” da prensa española o seu apoio á “unidad de España”, e iso sabemos perfectamente o que significa porque xa o estudamos de pequenos na escola franquista e mais no NO-DO. Eis a prensa e televisión que alimenta o españolismo xenófobo e o odio a Catalunya, tan rentábel aos Florentinos e a todos os poderes da corte borbónica.

A ideoloxía do nacionalismo españolista é o militarismo, isto é o machismo e a violencia

 

Ten razón o Ernest Maragall, que foi dos fundadores do PSC cando o PSC era o PSC, cando di que o estado español non sabe gañar, só derrotar. A ideoloxía do nacionalismo españolista é o militarismo, isto é o machismo e a violencia.

E, con todo, como os catalanes que aman o seu país e teñen sentido de respecto por eles mesmos e educación non van desaparecer máxicamente, aí os están votando e votando pacíficamente aínda que lles batan homes armados, o estado español puido gañar unha batalla e outra, mais perde sempre as eleccións e xa ten perdida esta guerra. Terá inevitabelmente que negociar, haberá unha negociación dentro duns meses ou dentro dun ano, mais haberá negociación.

E sempre que se dialoga e se negocia ninguén gaña todo e ambas as partes renuncian a algo, xa se verá ao qué. Mais haberá negociación porque así é a política, a política democrática que a nación catalana lle vai aprender á forza a ese Reino de España que teme e despreza a liberdade e escapa agora e sempre á democracia. "A pesar de você/Amanhã ha de ser/Outro dia".

Comentarios