Opinión

Algunhas precisións históricas

O Reino de Galicia, que abrangueu Asturias e León até o século XIII, foi o herdeiro do vello “regnum” suevo, o primeiro da Europa toda.

O Reino de Galicia, que abrangueu Asturias e León até o século XIII, foi o herdeiro do vello “regnum” suevo, o primeiro da Europa toda. Os reis deste Reino adoitaron residir en Oviedo e León, tentando eludir deste xeito a hexemonía da Mitra compostelá .Mais foron a actual Galicia e Compostela o auténtico cerne deste Reino, que chegou ao seu apoxeo nos 1150-1230, co Camiño Xacobeo, coa fundación ou pulo  das grandes vilas portuarias da Coruña, Baiona, Noia ou Viveiro ou coa conquista da Extremadura.

O rei Fernando III uniu só persoalmente as Coroas castelá e galega, malia que dende aquela sofriramos un proceso decadente, agravado polas derrotas das escollas da aristocracia galega cos Trastamara e nos 1476-1485 coa raíña Isabel, que rematou coa nosa clase dirixente, incautou cara Castela as riquezas dos nosos mosteiros e impuxo maxistrados, bispos, abades e funcionarios casteláns, implantando un sistema de vicereinado (Capitanía e  Audiencia) que moi logo sería repenicado nas colonias americanas.

"A historiografía española construiu un relato que minimiza a grande importancia de Galicia e Catalunya na historia das Españas. Un relato que non é verdadeiro, mais que constituiu un potentísimo instrumento político".

Os condados cataláns que fundara Carlomagno unificáronse  arredor do condado de Barcelona. No século XII  a dinastía catalá Berenguer uniu a Coroa aragonesa e a condal. Anos despois Aragón e Catalunya partillaron a conquista do reino de Valencia, coa que integraron unha estrutural confederal  coñecida como Coroa de Aragón. Nesta os tres países mantiñan  plena autonomía, malia que foi Catalunya a vangarda desta Coroa, responsábel da conquista de Mallorca, Sicilia, Sardeña  ou Atenas.

A guerra que rematou hai agora 300 anos  coa conquista de Barcelona polas tropas francesas e castelás de Felipe V non foi de xeito estricto unha guerra de Catalunya contra Castela e Francia. Porén, é evidente que a guerra saldouse coa supresión das Institucións políticas autonomas dos valencianos, aragoneses e cataláns e coa centralización da Monarquía borbónica, sometendo aos barceloneses a unha ocupación militar que durou case un século.

A historiografía española construiu un relato que minimiza a grande importancia de Galicia e Catalunya na historia das Españas. Un relato que non é verdadeiro, mais que constituiu un potentísimo instrumento político.

Comentarios