Opinión

Aquelar a Lei Concursal

No 2003, na segunda lexislatura de Aznar,  que daquela tiña maioría absoluta, aprobouse a vixente lei Concursal. Vaia por diante que a aprobación foi por unanimidade, hoxe non compre falar de política partidaria. 

No 2003, na segunda lexislatura de Aznar,  que daquela tiña maioría absoluta, aprobouse a vixente lei Concursal. Vaia por diante que a aprobación foi por unanimidade, hoxe non compre falar de política partidaria. O texto viña precedido dun amplo ditame na Comisión de Codificación do Ministerio de Xustiza e publicitábase como unha ferramenta opara resolver axiña as crises empresariais. Dende unha perspectiva de crecemento económico moi intenso e pouco equilibrado, tratábase de botar fóra axiña ás empresas en dificultades para que os seus problemas non apodreceran e se transmitisen ao resto do tecido empresarial.

"Veu a crise e a Lei Concursal, malia mellorar a moi vella regulación anterior, demostrou a súa incapacidade para server de canle á supervivencia das empresas".

Veu a crise e a Lei Concursal, malia mellorar a moi vella regulación anterior, demostrou a súa incapacidade para server de canle á supervivencia das empresas. Maís aínda, foise xerando una dinámica procesual, alicerzada sempre nos mesmos xuices, auditores e avogados, que esquecía o principio de mantemento da empresa en funcionamento e priorizaba as liquidacións  das empresas  e dos activos empresariais. Casos houbo recentemente, na nosa Galicia, nos que os Bancos e Administracións Públicas acredoras rexeitaron a mantenta acordos que poderían garantir a supervivencia empresarial, cando na fase posterior de liquidación , a subhasta da empresa no seu conxunto deu cartos abondo para pagar a todos os acredores. Mentres, había quen fachendeaba da súa celeridade en tramitar os concursos, case sempre para rematalos coa liquidación dos activos da empresa e o despedimento dos seus empregados.

"É difícil que as pemes concursadas receban o coidado que as grandes (Fadesa, Pescanova) receben  dos Bancos, Seguridade Social e Facendas Públicas"

É verdade que no 2009, 2011 e 2012 promulgáronse reformas para simplificar e abaratar os procesos concursais. E que as recentes reformas de marzo do 2014 favorecen a salvación dalgúnhas empresas. Mais é difícil que as pemes concursadas receban o coidado que as grandes (Fadesa, Pescanova) receben  dos Bancos, Seguridade Social e Facendas Públicas , que son os acredores cotiáns en case todos estes procesos.

Velaí  o repto do futuro. Aquelar a Lei Concursal para salvar máis pemes e  para  reestruturar o pasivo das familias que o precisen. Aquelando, tamén, as actitudes, principiando polos profesionais. 

Comentarios