Opinión

Botarlle as culpas aos de abaixo

O conselleiro de Sanidade de Madrid bótalle as culpas do seu contaxio á enfermeira galega infectada. O importante non sería a trapallada de  repatriar  persoas sen protocolos desenvolvidos con garantías, senón o erro puntual dunha sanitaria voluntaria que mesmo sería tan irresponsábel que “até foi á esteticista”. 

O conselleiro de Sanidade de Madrid bótalle as culpas do seu contaxio á enfermeira galega infectada. O importante non sería a trapallada de repatriar  persoas sen protocolos desenvolvidos con garantías, senón o erro puntual dunha sanitaria voluntaria que mesmo sería tan irresponsábel que “até foi á esteticista”. 

"O importante non sería a trapallada de repatriar  persoas sen protocolos desenvolvidos con garantías, senón o erro puntual dunha sanitaria voluntaria"

O Goberno do Estado responsabilizou en exclusiva do accidente ferroviario de Angrois á imprudencia do maquinista Garzón. E o PSOE apoiou incondicionalmente ao PP nesta andaina. “En Galicia houbo un accidente de tren causado por un maquinista”, manifestou un alto dirixente socialista nunha conversa con compañeiros de partido galegos. O importante non seria a trapallada de manter unha curva moi perigosa ou de non implantar o ERTMS que garantiría frearmos aquel tren no caso dunha inacción do maquinista por despiste. E o grave non son as oitenta mortes e os feridos, senón o “dano inaceptábel á imaxe do tren español…”, como ven de afirmar un alto cargo de ADIF.

Ben, tamén ocorrira na do “Prestige”, catástrofe ecolóxica que  tentaron botarlle ás costas do capitán Mangouras de xeito exclusivo e excluínte. Porque esta política está moi vencellada a unha concepción autoritaria do Poder, segundo a que os gobernantes non son responsábeis perante a cidadanía, porque en realidade lles pertence a función de gobernar por dereito proprio, quer vinculados a unha elite financeira e política que sería a única que sabe como facer as cousas, quer obsesionados por manter á cidadanía en estado permanente de desinformación.

"Esta concepción de que os Gobernos nunca teñen a culpa é o vello paradigma que teima por non morrer, axudada nos últimos tempos polo medo xerado pola crise".

Dirán vostedes que moitos cidadáns- e mesmo algúns políticos- asumen e asumimos a responsabilidade polos actos das persoas que diriximos ou dependen nosa. É certo, pero como en todo proceso de remuda social esta concepción de que os Gobernos nunca teñen a culpa é o vello paradigma que teima por non morrer, axudada nos últimos tempos polo medo xerado pola crise.

Esta idea de Goberno autoritario e irresponsábel perante a cidadanía latexa tamén na transmisión de ideas segundo as que os usuarios son os responsábeis dos recurtes na sanidade ou os desempregados dos recurtes  na súa cobertura. O caso é xustificar a gravísima incompetencia desta caste de gobernantes.

Comentarios