Opinión

Non hai máis pena que o cárcere

Rosario Porto ou Laureano Oubiña foron condenados por sentenza penal definitiva a longas penas de cárcere por mór de delictos gravísimos. Penas que han ser cumpridas dacordo coa lei, incluídas as posibilidades (hoxe ben afastadas para Porto) de permisos penitenciarios e progresión ao terceiro grao. Foron condenados a ficar longos anos no cárcere, mais a súa pena remata aí ou, canto máis, en penas accesorias como determinadas inhabilitacións. Quere isto dicir que seguen a ser titulares de todos os dereitos fundamentais (vida e integridade física e moral, intimidade, liberdade de expresión, relixiosa e ideolóxica… ) que non fican afectados directamente pola natureza da pena de prisión imposta.

O Tribunal competente dispuxo a inmediata progresión ao terceiro grao (semiliberdade durante o día e as fins de semana) de Oubiña e a Administración penitenciaria aínda non executou esta resolución xudicial, o que constitúe unha gravísima vulneración do seu dereito fundamental á liberdade persoal, que inclúe desfrutar do réxime penitenciario que decidan os xuíces competentes. Un precedente gravísimo para a convivencia democrática, que coincide neste tempo con numerosas manifestacións de ilexítimas intromisións do Goberno do Estado na administración da xustiza e no funcionamento do Ministerio Fiscal.

Pola súa banda, Rosario Crespo cumpre 18 anos de prisión no cárcere máis próximo ao lugar do seu berce, domicilio, arraigo e desenvolvemento, como manda a lóxica e o espirito da Lei Xeral Penitenciaria. O translado ao cárcere d’A Lama non se xustifica en razóns de tratamento penitenciario e semella  castigar actitudes da interna que non están prohibidas por lei ningunha, como teimar en manter a súa inocencia.  Trátase, ademáis, dunha persoa con demostradas tendencias suicidas, polo que o translado mesmo pode pór en risco a súa vida. 

Nun réxime de liberdades o penado non é un inimigo nin alguén a destruir. As penas teñen unha finalidade fundamental de reinserción e resocialización

Nun réxime de liberdades o penado non é un inimigo nin alguén a destruir. As penas teñen unha finalidade fundamental de reinserción e resocialización, o que exclúe o cárcere perpetuo ou a actual prisíón permanente revisábel. Os presos seguen a ser persoas merecentes dun tratamento consonte coa súa dignidade, que non engada ilegalmente un sofrimento adicional ás súas xa rigorosas condicións vitais. 

Comentarios