Opinión

Reindustrializarmos a Economía

Os que imos tendo aniños aínda lembramos a trabucada sentenza do ministro Solchaga “a mellor política industrial é a que non existe”. Nin no noso País nin no conxunto do Estado se desenvolveu dende a transición unha política industrial a xeito. 

Os que imos tendo aniños aínda lembramos a trabucada sentenza do ministro Solchaga “a mellor política industrial é a que non existe”. Nin no noso País nin no conxunto do Estado se desenvolveu dende a transición unha política industrial a xeito. No conxunto do Estado as elites financeiras e políticas primaron a atención a respecto da construción, dos negocios concesionais, da banca e dos sectores regulados, como o da enerxía. A industria non ten a forza que debería ter, nese contexto de capitalismo castizo, sempre pendente do BOE.

"Na Galicia a crise levou por diante todo o emprego industrial creado dende mediados dos 90 e moitas empresas industriais viven hoxendía os seus peores momentos". 

Na Galicia a crise levou por diante todo o emprego industrial creado dende mediados dos 90 e moitas empresas industriais viven hoxendía os seus peores momentos. Porque, con independencia dos problemas de cada empresa e sector, as nosas industrias pagan a enerxía máis cara de Europa, o que está a lastrar fatalmente a súa competitividade.

A Unión Europea aprobou a súa Estratexia 2020, dirixida a unha economía para o crecemento, a innovación, a competitividade e a integración social. E esta Estratexia aposta claramente pola reindustrialización, que garante rendas altas ao xerar emprego de calidade e ten un efecto vertebrador da economía. Mais aínda agora descoñecemos cál é a estratexia dos Gobernos estatal e galego a respecto desta reindustrialización. Cando, pola súa banda, o Goberno catalán xa distinguiu sete sectores clave para atender e o Goberno vasco leva anos desenvolvendo políticas dirixidas a atenuar o impacto da crise a respecto das súas pemes industriais.

"A falla de pulo político, a falla de financiamento e os custos da enerxía, xunto con outros problemas sectoriais específicos, están a afogar moitas das nosas industrias".

Todo crecemento sen industria é un crecemento desigual e feble. A industria ten un efecto multiplicador sobre a demanda de servizos e de coñecemento do que carecen outras actividades económicas. As propias escollas educativas, ao crearmos e mantermos na Galicia as escolas de enxeñeiros de telecomunicacións, navais e industriais, haberían axudar a cubrir esa eventual demanda de coñecemento.

Mais, polo de agora, a falla de pulo político, a falla de financiamento e os custos da enerxía, xunto con outros problemas sectoriais específicos, están a afogar moitas das nosas industrias. Que sofren ben máis agora ca no 2011.

Comentarios