Opinión

Sentidiño e xenerosidade.

Dos resultados das eleccións municipais de maio e do proceso subseguinte cara á formación dunha hipotética candidatura unitaria ou maré galega emerxen tres realidades indiscutíbeis

                       
Dos resultados das eleccións municipais de maio e do proceso subseguinte cara á formación dunha hipotética candidatura unitaria ou maré galega emerxen tres realidades indiscutíbeis: (i) Só reconducindo a unha candidatura unitaria a pluralidade galeguista e progresista pode ser posíbel unha alternativa ao bipartidismo dinástico PP-PSOE. Dúas candidaturas serán dous fracasos ou medio fracasos. (ii) Esta proposta xerou unha grande corrente de mobilización e ilusión. Aquelas persoas e partidos que a destrúan non poderán eludir as súas responsabilidades. (iii) A xente do común que participou neste proceso quere unha opción galega plenamente independente de Podemos, sen prexuizo da grande conveniencia de artellar con esta forza compromisos concretos para enfrontar transformacións do Estado que garantan o recoñecemento da súa plurinacionalidade, pórmos a axenda social e económica  ao servizo das maiorías sociais e aprofundarmos na transparencia e na democracia de calidade. 

"A declaración do pasado venres de EU, Anova e Podemos Galiza anunciando que na semana vindeira publicarán un acordo político cara ás eleccións xerais supón unha auténtica emenda á totalidade ao común discurso do pulo cidadán e da transparencia"

Era de xeral consenso que este proceso habería de basearse nomeadamente no pulo cidadán e social e que os partidos participarían con lealdade sen se atribuir o protagonismo exclusivo. Neste senso, a declaración do pasado venres de EU, Anova e Podemos Galiza anunciando que na semana vindeira publicarán un acordo político cara ás eleccións xerais supón unha auténtica emenda á totalidade ao común discurso do pulo cidadán e da transparencia. Malia que o propio documento recoñece que faltan moitos outros actores e que a proposta non é electoral, as formas son desafortunadas. E, por desgraza, conéctanse cos paos na roda e continuos pretextos e dilacións que houbo no último mes, por exemplo, para acadar a confluencia entre as dúas plataformas cidadás que pulaban polo obxectivo da candidatura unitaria: a Iniciativa pola Unión e o Encontro pola Marea Galega.
 
Os resultados das eleccións catalás, a posíbel confluencia entre as devanditas plataformas e a reacción da opinión pública poderían motivar que determinados actores do proceso reaxisen. Semella non estar escrita aínda a derradeira liña deste conto.

Comentarios