Opinión

A verdade de Angrois

A pescuda xudicial aberta na capital de Galicia pola traxedia de Angrois deu este día unha reviravolta coa achega, pola defensa...


A pescuda xudicial aberta na capital de Galicia pola traxedia de Angrois deu este día unha reviravolta coa achega, pola defensa do imputado maquinista Garzón,  dunha proba substancial e directa da prevención que sentía o colectivo dos maquinistas a respecto da curva d’A Grandeira. Unha proba que ten data tan temperá coma a do 26 de nadal do 2011, só quince días despois da primeira viaxe do traxecto do falso AVE Ourense-Santiago de Compostela. 

"O que inaguraron o entón Ministro -xa en funcións-  José Blanco e o ex ministro F. Alvarez Cascos –canda o presidente da Xunta- non era unha liña da chamada Alta Velocidade Española (AVE), como as que circulan cara Sevilla, Valladolid ou Valencia, senón outra cousa"

Falso AVE, porque como vén de manifestar o experto ferroviario galego Xosé Carlos Fernández Díaz, a seguranza destes comboios non dependen só do bó facer dun experto e competente maquinista, pois que en todas estas liñas existen trebellos e sistemas eficaces que anulan, de ser o caso, os riscos dun erro do profesional ao manexo. O que nunca existiu, dende decembro do 2011, nos últimos catro quilómetros do treito Ourense-Santiago nin tampouco, en xeral, para os viaxeiros dos Alvia que cobren esa rota.

Voltamos, xa que logo, á hipótese daquela fin de xullo: as  vítimas daquel tráxico 24 de xullo dependían só da experiencia, atención e profesionalidade do maquinista Garzón. O que quere dicir que o que inaguraron o entón Ministro -xa en funcións-  José Blanco e o ex ministro F. Alvarez Cascos –canda o presidente da Xunta- non era unha liña da chamada Alta Velocidade Española (AVE), como as que circulan cara Sevilla, Valladolid ou Valencia, senón outra cousa.

Faltaron, pois á verdade. Eis porque o PP vetou cadansúas comisións de investigación nos Parlamentos estatal e galego, coa vergoñenta colaboración do PSOE. Porque , unha vez máis, agachar a verdade á cidadanía sobre a posta en funcionamento desta liña ferroviaria é cousa dos dous partidos do bipartidismo dinástico, causantes da fonda crise institucional que vive o Estado español.  

Velaí que sexa tan importante  que a  pescuda xudicial do xuiz Aláez conte  con peritos expertos e independentes que tenten explicar o que  pasou. Porque  a cidadanía, principiando polas vítimas, é merecente de respostas propias de adultos. Malia os intereses de RENFE, ADIF, os sucesivos Ministros de Fomento, o PP ou o PSOE.