Opinión

Alertas no Día da Patria Galega

Faltan catro días para mergullarnos en todas as confluencias que demanda a matricial festa de todos os encontros posíbeis para ampliar os nosos sentimentos ao redor do que representa o Día da Patria Galega. Nestes intres de manifesta expresión patriótica, estamos obrigados a dar contundentes respostas contra os agravios que actualmente teñen notoria visibilidade en varios escenarios ofensivos, como é o proxecto de Altri, que pretende instalar unha macro celulosa no centro xeográfico de Galiza, na comarca luguesa da Ulloa. Unha das terras máis fértiles e sostíbeis do rural gandeiro, representada na diversificación de produtos lácteos que sosteñen esta comarca, entre tantas outras pequenas industrias. A nosa labregancia incentivou esa grata sostibilidade produtiva do sector agrícola-gandeira que fomenta estabilidade nesa poboación sedentaria de miles de familias que están ameazadas por Altri a abandonar os seus recursos produtivos.

Fronte ás ameazas de desfeita estamos obrigados a activar especiais alertas de parar este proxecto. Sobre todo reflexionar nestas vésperas do Día da Patria Galega, que nos inspira tomar conciencia e realizar diversos frontes defensivos que saliente ese movemento de masas. Unha fronte ampla de emancipación, capaz de ampliar e afrontar do que xa foi o principio dun itinerario posíbel que se concretou na global manifestación celebrada en Palas de Rei, coa presenza de máis de vinte e cinco mil persoas, nesa data histórica do 26 de maio. Repetiuse o 1 de xullo coa enorme multitude que cercou o enorme perímetro das instalacións da Xunta en Compostela, baixo a consigna unitaria de “Altri non”. Este in crecendo multitudinario estimula conciencia e autoridade de revolta defensiva: Galiza en pé, en defensa do longo espazo do curso fluvial do río Ulla ameazado. Velaquí a defensa pola Sostibilidade e Medio Ambiental desa importante arteria vital que representa o río Ulla en seu traxecto polas provincias de Lugo, A Coruña e Pontevedra.

O próximo 25 de xullo será un día inmenso e cargado patriotismo, expoñente de contundencias expresivas, de estar ergueitos de corpo e voz, contra a intolerábel desfeita de recursos sectoriais da comarca da Ulloa e das súas limítrofes. O que representa o río Ulla para a Galiza labrega e gandeira e, sobre todo, para a foz deste río, que conforma a maior ría de Galiza: a de Arousa, con predominio no sector pesqueiro e marisqueiro, que sostén miles de postos de traballo. Non dubidemos que os usufrutuarios dos pobos da costa mariñeira da Ría de Arousa erguerán seus ímpetos contestatarios contra a barbarie que impulsa Altri e seus secuaces que actúan con tanta vileza.

A axenda patriótica do 25 de xullo non desbota esa preferencia de que as galegas e os galegos estimulamos esa autodefensa contra a desfeita que procesan as celulosas; os espazos forestais de eucaliptos, sostén das macro industrias que pretenden instalar en Palas de Rei. Dita axenda, contempla a protesta contra os macro eólicos que enriquecen ás factorías electro intensivas, amparo dos grandes monopolios enerxéticos implantados na Galiza. Entre outros específicos problemas que só os galegos temos que resolver. A demanda matricial da festa nacional revélanos moitas confluencias ás que temos que acollernos.     

Comentarios